O CLAG REÚNESE EN BILBAO COS CLUSTERS DO ESTADO PARA FIXAR UNHA ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN FRENTE Á ACTUAL CRISE ECONÓMICA

12 / 12 / 2008

O presidente do CLAG, Antón Reixa, asistiu ao II Foro Clústers Audiovisuais, celebrado no Palacio Euskalduna de Bilbao, xunto aos responsables de todos os clusters audiovisuais do Estado (Euskadi, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Andalucía e Illas Baleares) para debatir entorno ao seu papel como impulsores da innovación no sector ante a actual crise e identificar puntos de posible colaboración que propicien a creación dunha Rede de Clusters Audiovisuais.
No encontro os representantes dos clústers acordaron consolidar un entorno de colaboración interclusters para xerar, por unha banda, unha interlocución con organismos institucionais estatais e internacionais e, doutra, desenvolver unha rede de traballo permanente. Para elo, os responsables reunidos hoxe en Bilbao acordaron crear unha secretaría técnica que coordine e elabore unha axenda institucional e potencie o desenvolvemento dunha rede para compartir información, coñecemento e axendas estratéxicas de innovación. Esta rede nacional de colaboración, articulada sobre unha plataforma en internet, incorporará iniciativas innovadoras, proxectos e programas concretos para desenvolver en cooperación.

Deste Foro xurde tamén o compromiso de estudar o desenvolvemento de proxectos concretos de colaboración aproveitando as diferentes líñas de financiamento existentes (Programa Avanza, Interreg..). Así, estudarase en concreto a viabilidade da creación dun comité técnico de normalización que abarque toda a cadea de valor da industria audiovisual e o desenvolvemento dunha rede audiovisual colaborativa.

Ademais, os clusters desenvolverán proxectos en cooperación con asociacións clusters europeas, a través dos distintos programas do ámbito comunitario, tendo en conta que, 2009 será o ano europeo da Innovación e a Creación, o que abrirá novas oportunidades para as organizacións.

Puntos de interese
Entre os principais puntos de interese para a colaboración entre Clusters, os participantes destacaron o desenvolvemento da competitividade e a innovación, a través da creación desta rede dixital de Clusters Audiovisuais, como unha infraestrutura experimental de innovación, que permitirá aproveitar sinerxias ao propiciar o intercambio de información e experiencias de éxito entre as asociacións de todo o Estado.

Outro aspecto importante para os Clusters é o desenvolvemento do capital humano principalmente da man da mellora da formación dos profesionais; o desarrollo de ferramentas adecuadas para lograr unha boa xestión empresarial e tamén o fomento da creatividade e os contidos orixinais, aproveitando a irrupción da Tv interactiva e as novas plataformas e tecnoloxías.

A internacionalización das empresas do audiovisual é outra área de interese común para os clusters que propuxeron novas vías de colaboración para a participación en mercados, festivais e feiras de ámbito internacional.

O Foro Interclusters, que xurdiu a iniciativa do CLAG o ano pasado, reunirase o vindeiro ano en Valencia.

Categoría: Novas
Etiquetas: