O CLAG PARTICIPA DUN PLAN DA CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA PARA O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO DOS CLUSTERS

3 / 09 / 2008

O Clúster Audiovisual Galego, CLAG, beneficiarase do plan da Consellería de Innovación e Industria que preve destinar 3.155.569 de euros no bienio 2008-2009 para o desenvolvemento dos clústers industriais galegos, co obxectivo de potenciar e incrementar a súa capacidade tecnolóxica e o nivel de calidade produtiva dos seus asociados.
Así se recolle no convenio asinado onte en Santiago entre o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente do CLAG, Anton Reixa, así como cos presidentes dos clústers do Produto Gráfico e do Libro Galego, da Madeira de Galicia, de Biotecnoloxía de Galicia, da Acuicultura de Galicia, de Empresas da Automoción de Galicia e da Asociación Clúster do Naval galego.

Ao abeiro deste convenio o CLAG recibirá 456.000 ¤ para pór en marcha 18 actuacións nestes dous anos, entre as que sobresaen as destinadas especialmente a favorecer a internacionalización das empresas asociadas, mediante a participación en feiras, festivais e certames internacionais nos que se exhibe unha imaxe do audiovisual galego como sector competitivo, que conta con empresas especializadas en todos os eslabóns da cadea para a produción audiovisual, en calquera formato.

Neste contexto, e con carácter inmediato, destaca a participación do CLAG en foros profesionais como o IBC de Amsterdam, ou o MIPCOM de Cannes, así como noutros próximos eventos internacionais do sector en Alemaña, Francia e Estados Unidos.

Amais, en virtude deste convenio, o CLAG tamén promoverá accións de formación especializada a través de cursos, laboratorios e seminarios; potenciará o ‘Vixía’, como ferramenta de vangarda na vixilancia tecnolóxica; creará un Servizo de Estudo de audiencias, así como foros técnicos; e potenciará o proxecto de implantación da marca “Galicia audiovisual” que englobará ao sector, para culminar unha iniciativa posta en marcha polo CLAG a comezos de 2006.

O acordo asinado hoxe ten como finalidade, segundo explicou Fernando Blanco, que o labor dos clústers “propicie o crecemento económico e a creación de postos de traballo, fomente a cooperación entre eles e profunde no labor de seren peza clave das Plataformas tecnolóxicas sectoriais, xunto á administración e a Universidade”. A Consellería tamén colaborará cos clústers no desenvolvemento de actuacións sobre loxística e na posta en marcha de distintivos de marca sectorial que permita a promoción de valor diferencial existente e ao seu recoñecemento e calidade a nivel estatal e internacional.

Con estas accións e o seu financiamento, segundo Fernando Blanco, a Consellería de Innovación e Industria quere sentar as bases para que nos dous vindeiros anos os clústers poidan desenvolver de forma estable o seu labor, con efecto positivo para a nosa economía.

Categoría: Novas
Etiquetas: