O CLAG CONTARÁ CUN STAND NO MAC 2008, O MERCADO AUDIOVISUAL DE TECNOLOXÍA E CONTIDOS DE CATALUÑA

24 / 03 / 2008

O Clúster Audiovisual Galego, CLAG, participará na novena edición do Mercado Audiovisual de Cataluña, “Audiovisual MAC08”, que se celebrará os vindeiros días 28 e 29 de maio en Granollers (Barcelona), onde estará presente cun stand corporativo no que participarán algunhas das súas empresas asociadas. O Clag ofrece a posibilidade de asistencia gratuíta aos seus asociados que dispoñen dun prazo máximo de inscrición ata o vindeiro 31 de marzo.
A Feira Tecnolóxica Audiovisual MAC é a primeira dirixida especificamente ás empresas tecnolóxicas que dan servizo ás televisions e radios de economía media, tanto a nivel local como a nivel internacional, e onde os profesionais destes medios atopan as solucións tecnolóxicas e os equipamentos axeitados ás súas necesidades.

Por outra banda, este Mercado de Contidos favorece as políticas de intercambio, coprodución e compravenda de contidos específicos e no mesmo ofrecerase relatorios dos principais responsables das televisións locais das diferentes comunidades autónomas para expoñer a realidade do sector e a súa complexidade. Tamén trataranse temas relacionados coa produción de contidos, a xestión do MUX, o papel da televisión na comunicación local e o financiamento e a publicidade na televisión de proximidade.

Premios MAC e sesións de pitching

Paralelamente terán lugar dúas sesións de pitchings nas que os mellores 12 proxectos da Feira serán presentados aos profesionais. De entre estes proxectos sairán os gañadores dos premios MAC que otorga a Feira en catro categorias: Premio MAC Proxecto Novo Formato, Premio MAC Proxecto Seriado, Premio MAC Proxecto Multiplataforma e o Premio MAC Tecnoloxía, novo premio incorporado a esta edición.

Todos os proxectos seleccionados para pitching poderán optar ao premio Audiovisual MAC Multiplataforma, pero só os proxectos que estean en coprodución cunha produtora catalana poderán optar tamén ao Premio Audiovisual MAC Novo Formato e ao Premio Audiovisual MAC Proxecto Seriado. A entrega dos premios terá lugar o día 29 de maio en Granollers, durante o acto de clausura do Mercado.

Durante as sesións de pitching os produtores terán a posibilidade de presentar os seus proxectos diante dun auditorio de responsables de programación de televisións e redes de sindicación de contidos coa fin de obter orzamento para os seus traballos. En todos eles valorarase a orixinalidade na proposta de contidos e a capacidade para desenvolver unha linguaxe formal inédita. O prazo establecido pola organización do MAC para presentar proxectos audiovisuais a concurso está aberto ata o vindeiro 18 de abril.

Como novidade a Feira inclúe este ano a I Mostra de Programas de Televisión Local, na que poden participar todos aqueles programas de calquera formato que se emitiran en televisións locais de todo o mundo dende xaneiro de 2006 ata abril de 2008. Entre os programas presentados, o xurado seleccionará 5, que serán proxectados e presentados publicamente polos seus creadores durante o MAC08, e deles sairá o primeiro premio, valorado en 3.000 euros. O resto dos programas inscritos poderán ser vistos no espacio “Visionado na Carta”, a disposición de todos os participantes do MAC08.

Os socios do CLAG poden descargar o formulario de inscrición para participar no MAC08 na web do CLAG (www.clusteraudiovisualgalego.com) e obter máis información no enderezo administracion@clag.es mentres que para información relativa aos programas e bases dos premios poderán dirixirse á web corporativa do MAC08 (www.audiovisualmac.com).

Categoría: Novas
Etiquetas: