O CLAG ATRAE EN CANNES O INTERESE DUNHA DECENA DE PAÍSES, EN TORNO Á MARCA ‘GALICIA AUDIOVISUAL’

9 / 10 / 2009

O stand que o CLAG tivo presente no MIPCOM de Cannes desde o pasado día 5 atraeu durante estes días o interese de máis de 200 profesionais, procedentes dunha decena de países de distintos continentes, que recabaron información sobre a oferta de contidos da industria audiovisual galega. Representado no MIPCOM por unha delegación de 17 empresas,  promovida polo CLAG, o sector audiovisual de Galicia amosou no mercado a imaxe dun tecido sólido e cohesionado, con maior poder de negociación para a distribución, e capaz de provocar o interese de inversores internacionais para futuros acordos sobre produtos desenvolvidos por empresas de Galicia.

A oferta audiovisual de Galicia levou ata o seu stand a profesionais de Suiza, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Malasia, Corea, Australia ou Arxentina, Brasil, Chile interesadas en formatos, animación, contidos para ‘Video on demand’ e novas plataformas. Ademais, no stand corporativo do CLAG establecéronse contactos e posibilidades de negocio con empresasa produtoras doutras comunidades autónomas e con representantes de cadeas nacionais españolas que asisten puntualmente ao Mercado na busca de novos produtos.  

A delegación empresarial –integrada por Abano Producións, Continental, R, Adivina Producciones, Isabella Audiovisual, Interacción, Setemedia, Milou Films, Filmanova, Filmax, Enxebre Entertainment, Perro Verde Films, Voz Audiovisual, Xamalú Filmes, Ficción Producciones, Dygra Films  e TVG -mantivo no seu conxunto máis de 60 reunións bilaterais de negocio e remata hoxe a súa estadía en Cannes cunha valoración altamente positiva. Os empresarios galegos regresan convencidos de que a mellora na percepción do sector nos mercados internacionais está vencellada á progresiva penetración da marca “Galicia Audiovisual” que axuda a identificar ás empresas galegas baixo unha imaxe común e favorece o acceso a novos mercados en condicións máis favorables. 

A delegación do CLAG puido beneficiarse tamén das conferencias que se impartiron nos auditorios do Palais do MIPCOM sobre as tendencias en materia de consumo televisivo, os formatos que mellor funcionan no resto do mundo e o análise do consumo para os vindeiros anos , entre outros temas. 

É a terceira vez que o CLAG está presente en Cannes cun stand propio, de 40 metros cadrados, xunto a Eiken, o clúster vasco,  ao obxecto de favorecer as sinerxías interclusters. A vindeira misión empresarial do CLAG será no mes de abril, no MIPTV, un dos máis estratéxicos mercados europeos de contido audiovisual.

Categoría: Novas
Etiquetas: