O CLAG ASISTE EN LYON Á CUMBRE DE ANIMACIÓN EUROPEA, ‘CARTOON MOVIE’

6 / 03 / 2009

Unha delegación do Clúster Audiovisual Galego integrada por algunha das produtoras que con máis éxito se adican á animación en Galicia, está esta semana en Lyon para asistir á XI edición do Cartoon Movie, que se celebra do 4 ao 6 de marzo na cidade francesa. As produtoras galegas manterán contactos de negocio con profesionais de toda Europa, participando nun foro que ten acreditada a súa reputación no circuito europeo da animación.

 

Durante tres días, a delegación empresarial galega -formada por Abano Producións, Bren Entertainment, Ficción, Continental, Dygra Films e Perro Verde Films- participará nesta cumbre europea da animación na que se dan cita os principais produtores e distribuidores do continente. Nese escenario, as produtoras galegas van manter contactos de negocio con profesionais de toda Europa, participando nun foro que ten acreditada a súa reputación no circuito europeo da animación, cun balance de 123 filmes financiados nas dez primeiras edicións e un volume de negocio de 800 millóns de euros. Unha das produtoras, Perro Verde Films, está nomeada aos premios Cartoon Movie Tributes 2009 que concede a organización do mercado pola longametraxe de animación “O lince perdido”. No seu conxunto, estas compañías acuden ao Cartoon Movie cos obxectivos de poder negociar financiamento, abrir vías de cooperación e interesar aos distribuidores nos seus proxectos de animación. Dygra Films presentará no mercado “Holly Night!” que está en fase de produción e se rematará tralo verán. “Acudimos ao Cartoon en busca de socios para este proxecto, ademais de iniciar conversas para outros futuros. O Cartoon é unha boa ocasión para reencontrarse cos colegas europeos de produción e distribución e seguir en contacto co último que se está a facer en animación”, segundo Lucas Mackey, produtor-executivo de Dygra. Iria Castro, coordinadora de produción de Animación de Continental, destaca que a compañía leva a Lyon os seus proxectos de animación máis recentes, entre os que destaca “A flor máis grande do mundo”, “E por que?”, a segunda parte desta “E por que?2” que está aínda en produción, ou a longametraxe de animación “Bruxerías”. Alberto Neira, director de Promoción de Bren, adianta que levan tres proxectos de animación en desenvolvemento “Cracks”, “Copito de neve” e un terceiro sobre o Camiño de Santiago. Ademais asiste na procura de proxectos que poidan interesar para ser distribuídos por Filmax. Chelo Loureiro, directora de Abano Producións, agarda iniciar en Lyon contactos de negocio para a súa nova película de animación 3D, “A tropa de trapo”, que está en proceso de desenvolvemento, y tamén para outro filme de animación para nenos, titulado “Cóntame un conto”. Ficción Producciones, pola súa banda, acode ao mercado con dúas producións de animación: “A pequena sirea”, onde se mestura animación con imaxe real, e unha curtametraxe de 10 minutos de duración, “A pequena gran aventura”, en fase de desenvolvemento e realizada con técnica estereoscópica. Plan de internacionalización A participación no Cartoon Movie forma parte do Plan de Internacionalización que desenvolve o CLAG para dar a coñecer e posicionar no exterior ás empresas de Galicia como plataforma de servizos audiovisuais, para propiciar a prospección de novas relacións de negocio nos circuitos internacionais e mellorar as oportunidades para a produción e distribución dos produtos audiovisuais galegos en todo o mundo. Cartoon Movie é o terceiro foro internacional ao que asiste o CLAG este ano, anteriormente foi ao European Film Market en Berlin e ao Mobile World Congress, en Barcelona. Despois viaxará a Cannes, onde haberá unha dobre cita, no MIPTV, en abril, e no MIPCOM, en outubro.

Categoría: Novas
Etiquetas: