O CLAG ASISTE DO 3 AO 6 XUNTO A 13 COMPAÑÍAS GALEGAS AO SALÓN PROFESIONAL INTERNACIONAL DA TECNOLOXÍA AUDIOVISUAL, BROADCAST’09 EN MADRID

3 / 11 / 2009

Abano Producións, Ficción Producciones, Voz Audiovisual, Iblo Media, Perro Verde Films, R, Filmax, Filmanova, Spica, Adivina, Artemática, TV7 e Enxebre Entertainment participan xunto ao CLAG desde mañá e ata o día 6 no Salón Profesional Internacional da Tecnoloxía Audiovisual, BROADCAST’09, do que o Cluster forma parte do comité organizador. A cita audiovisual terá lugar no IFEMA de Madrid e na mesma presentaranse os últimos adiantos técnicos desenvolvidos no campo audiovisual.

Nesta edición o CLAG está presente cun stan (9F06), compartido cos clusters audiovisuais de Valencia, Euskadi e Madrid. Neste espazo a delegación galega manterá reunións de negocio con empresas e profesionais do sector participantes no Salón. Concretamente, o mércores 4 de novembro o CLAG organiza unha sesión de Networking xunto aos tres clusters coa finalidade de que as compañías das catro comunidades inicien un primeiro contacto e estuden as posibles vías de colaboración. O Networking será no stan ás 13:00 horas, e estará acompañado dun viño D.O. Ribeiro e de Pedras de Santiago.

Así mesmo os profesionais galegos e responsables do CLAG participarán nas diferentes actividades e foros de debate durante os días da Feira, consolidada como  un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias e para a análise da realidade dun sector, que está a encarar importantes retos, como o apagamento analóxico, o proxecto de Lei Audiovisual, a concesión de novas licenzas, ou o desenvolvemento da Alta Definición, entre outros.

Reunión Foro Clústers Audiovisuais

Broadcast 09 acollerá o día 4 ás 11:00 horas unha reunión do Foro de Clusters Audiovisuais para avanzar na elaboración dun Plan de Innovación para o sector audiovisual español. Esta tarefa foi encomendada polo director xeral do ICAA, Ignasi Guardans na reunión que os representantes do Foro de Clusters (Galicia, País Vasco, Estremadura, Baleares, Canarias, Madrid, Valencia e Cataluña) mantiveron o pasado 28 de setembro en Madrid. O III Foro de Clusters de España terá lugar a finais de ano en Valencia.

O máis punteiro da industria audiovisual

Na 14ª edición de BROADCAST participan un total de 138 empresas, para dar a coñecer os últimos desenvolvementos rexistrados neste ámbito. Uns avances que pasan, en boa medida, polo logro dunha cada vez maior calidade da imaxe, a través do perfeccionamento da HD polas resolucións a 2K e a 4K que se conseguiron xa en postprodución, sobre todo en cine, ou pola Ultra High Definition que alcanzou a NHK xaponesa en televisión, aínda en fase experimental. Tamén hai que resaltar o salto do 3D ou estereoscopía do cine á televisión e os adiantos en televisión en mobilidade, que permiten abrir novas fiestras ao modo de ver a televisión, como ipTV (por Internet). No ámbito do audio, está a avanzar máis rapidamente a dixitalización da onda media, así como a penetración da radio por Internet, que atopa unha crecente aceptación entre o público.

Esta misión empresarial do CLAG enmárcase no Plan de Internacionalización que vén desenvolvendo con gran éxito desde a súa creación. No que vai de ano o CLAG asistiu aos mercados audiovisuais de carácter internacional máis importantes do sector: EFM Berlín, Mobile World Congress, Cartoon Movie, Marchei du Filme, MIPTV, IBC Ámsterdam e recentemente no MIPCOM en Cannes e no Málaga Market.

Categoría: Novas
Etiquetas: