O CLAG ABORDARÁ UNHA SEGUNDA FASE DO PLAN DE INTERNACIONALIZACIÓN, CENTRADO NA PROMOCIÓN COLABORATIVA DAS PRODUCIÓNS GALEGAS

10 / 06 / 2009

O Plan de Internacionalización das empresas audiovisuais de Galicia iniciado polo CLAG hai dous anos está xa en condicións de “dar un salto e abordar unha segunda fase, centrada na comercialización en circuitos internacionais das producións galegas”, tal e como afirmou esta mañá a súa xerente, Carla Reyes, no trascurso do Foro de Innovación Colaborativa sobre “Innovación nos modelos de marketing e comercialización internacional”, celebrado en Santiago por iniciativa do CLAG.

 

O foro tiña como obxectivo facilitar ás empresas do sector o panorama dos máis novidosos recursos do marketing internacional e favorecer un debate entre as empresas que desemboque na identificación de proxectos consorciados que se desenvolvan dun xeito colaborativo.

 

A sesión, financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Fondo Social Europeo (FSE), foi inaugurada por Carlos Carballo, vicepresidente do CLAG, e contou coa participación de María José Arrojo, directora da Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, que explicou as “Claves do marketing internacional de contidos audiovisuais”; Ángela Bosch, directora de Catalán Films & TV, sobre “Boa práctica: Creación da marca e consorcio audiovisual CF&TV”; Isabel Fernández, xefa de sector do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), e Fany Suarez, responsable do Plan PEME do IGAPE, explicaron os “Instrumentos de apoio á innovación en marketing e internacionalización”e Rafael Cabrera, director de Marketing e Comunicación do Grupo Filmax, desvelou algunhas das técnicas de promoción internacional aplicadas a un dos seus grandes éxitos cinematográficos, a película REC.

 

A ducia de empresas participantes valoraron de forma unánime esta iniciativa do CLAG, porque a dimensión das empresas audiovisuais de Galicia fai necesarios patróns colaborativos, poñendo de relevo que o proceso de debate aberto servirá para innovar nos modelos de negocio audiovisuais a través de accións consorciadas. A xerente do CLAG destacou que o foro xurde como unha evolución natural da análise dos resultados do Plan de Internacionalización do CLAG, que está a ser unha plataforma útil para a promoción das empresas, e tras a experiencia desta primeira fase “chega o momento de planificar unha estratexia colaborativa para promoción internacional das producións audiovisuais de Galicia”. O CLAG vai elaborar un plan de acción, tomando en consideración as conclusións e propostas cooperativas xurdidas neste foro,  para a súa avaliación e debate nunha posterior sesión de traballo, prevista para o mes de xullo.

Categoría: Novas
Etiquetas: