O CGAI PROXECTA “NOSFERATU” CON PIANO EN DIRECTO

10 / 02 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá venres día 11 de febreiro (20.00 horas) o lendario filme alemán mudo NOSFERATU (1921) de Friedrich Wilhelm Murnau co acompañamento musical en directo a cargo do pianista Javier Pérez Castro. 

BIOGRAFÍA DE FRIEDRICH WILHELM MURNAU

Morto accidentalmente en Estados Unidos no seu apoxeo mentres se desenvolvían os primeiros anos do cine sonoro, xusto uns días antes da estrea de Tabú (1931), o cineasta alemán Friedrich Wilhelm Murnau (Bielefeld, 1888-Hollywood, 1931) –a pesares de ter boa parte da súa obra desaparecida- inscríbese na Historia do cine a través de títulos esenciais como Nosferatu, El último ou Tartufo. Logo de colaborar co prestixioso director teatral Max Reindhart -actor entre 1909 e 1914-, Murnau realiza películas propagandísticas en Suíza e regresa a Alemaña para dirixir con habilidade e de maneira moi persoal obras mestras en pleno período expresionista. Despois de rodar Fausto (1927) afíncase nos Estados Unidos, onde roda a primeira película gañadora do Óscar, Amanecer, e, sobre todo, sortea a parálise creativa xurdida co sonoro polo seu posicionamento estético no que sobresae unha idea: a imaxe por enriba de todo. As súas maneiras fílmicas, “forma de pintura en movemento”, en expresión de Luciano Berriatúa, o abnegado investigador español gran experto na súa produción, determinan o ton do seu traballo, moi capaz de reflexionar sobre os achados do teatro, as artes plásticas e o cine derivado da renovación formulada a partir de Feuillade, Ince ou Griffith. Mestre no uso simultáneo da profundidade de campo e o primeiro termo dramático, audaz no uso dos espazos e nos apartes dos actores, Murnau creaba auténticas liñas de composición visuais e brillantes xogos expresivos onde prevalecía o encadramento sobre a acción, ocasionando unha beleza plástica inesquecible.


NOSFERATU
(Alemaña, 1921)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Henrik Galeen, sobre a novela Drácula de Bram Stoker. Produción: Prana-Film. Fotografía: Fritz Arno Wagner. Intérpretes: Max Schreck, Gustav Von Wangenheim. Duración: 93 minutos.
Lendaria e libre versión do Drácula de Bram Stoker e un dos títulos máis célebres e icónicos de Murnau. 1838, Hutter, empregado dunha inmobiliaria en Viborg viaxa a un castelo dos Cárpatos. O dono, o conde Nosferatu, desexa mercar unha finca en Viborg. A estrañeza dos feitos acontecidos na primeira noite, fan que Hutter descubra o vampirismo do conde e fuxa. Pero Nosferatu vai embarcado nun ataúde cara ao porto de Viborg… Durante tempo paralizada pola viúva de Stoker –non se adquiriron os dereitos- un clásico do cine mudo, un filme de raíces pictóricas con imaxes realistas froito dunha estudada composición chea de referencias coa colaboración do deseñador artístico Albin Grau e un alucinante e misterioso protagonista, Max Schrek.   

Categoría: Novas
Etiquetas: