O CGAI ORGANIZA UNHA MASTER CLASS CON MARK RAPPAPORT

31 / 05 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) en colaboración con S8 I Mostra de Cinema Periférico organiza mañá, martes día 1 de xuño, ás 17 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, unha Master Class a cargo do cineasta estadounidense Mark Rappaport. A matrícula é gratuíta, previa inscrición.

Como complemento ofrécese un ciclo sobre a súa obra que terá lugar entre os días 1 e 4 de xuño no propio CGAI. Rappaport presentará as sesións dos días 1, 2 e 3 de xuño (20.30 horas en todos os casos), comezando mañá día 1 de xuño por “From the journals of Jean Seberg” (1995). A entrada é gratuíta.     
 
Mark Rappaport (Nova York, 1942), estuda literatura no Brooklyn College, onde se gradúa en 1964. Posuidor dunha cinefilia precoz, pronto se familiariza co cine de autores como Kurosawa, Bergman, Buñuel e directores do propio Hollywood, converténdose os clásicos dos anos 40 e 50 en elemento referencial dos seus propios filmes. Comeza a traballar como montador mentres se financia os seus proxectos e, logo de dirixir nove curtametraxes, realiza a longa Casual relations (1973). A partir de Postcards (1990) inicia a súa relación co formato vídeo e nos últimos tempos directamente coa fotomontaxe. Ironista iconográfico e crítico, Rappaport céntrase na palabra narrativa, nos relatos que teñen como referente o melodrama hollywoodense -incluíndo biografías imaxinarias sobre actores como Rock Hudson ou Jean Seberg- e a relación entre o público e as imaxes, sobre todo no marco da cultura pop. As súas películas, como modélicas análises fílmicas, contribúen a unha reinvención da Historia do cine.          
Ao mesmo tempo e aproveitando a súa estadía coincidindo coa celebración de S8 I Mostra de Cinema Periférico, Mark Rappaport impartirá o día 1 de xuño unha Master Class onde falará sobre a súa experiencia como director de cine durante 35 anos. Tratará o tema do cine narrativo, o estado do cine actual, a apropiación de imaxes e as novas tecnoloxías.

Martes 1 de xuño (20.30 horas):
FROM THE JOURNALS OF JEAN SEBERG
(Estados Unidos, 1995)
Dirección e guión: Mark Rappaport. Produción: Couch Potato Productions. Fotografía: Mark Daniels. Intérpretes: Mary Beth Hurt. Duración: 97 minutos.
Biografía imaxinaria (ou biopic de creación) sobre a actriz Jean Seberg (interpretada por Mary Beth Hurt). Como un relato en primeira persoa, Rappaport funde historia, política e teoría cinematográfica. A súa carreira como actriz, os matrimonios -entre eles co escritor Romain Gary-, a implicación política, con episodios tan coñecidos como o da súa relación cos Panteiras Negras, dan forma a un filme no que Rappaport convida ao espectador a reexaminar as súas ideas acerca da representación fílmica feminina e as iconas populares.     

Mércores 2 de xuño (20.30 horas):
POSTCARDS      
(Estados Unidos, 1990)  
Dirección, guión e produción: Mark Rappaport. Intérpretes: Ron Vawter, Dorothy Cantwell. Duración: 27 minutos.
Crónica do romance e ruptura de Fred e Janet. Fred, viaxante, escribe postais desde a estrada a Janet; ela respóndelle. Rappaport deixa practicamente todo á imaxinación.  
 
EXTERIOR NIGHT     
(Estados Unidos-Alemaña, 1994)
Dirección e guión: Mark Rappaport. Produción: Couch Potato Productions, WDR e Teamwork Filmproduktion. Fotografía: Serge Roman. Intérpretes: Johnny Mez, David Patrick Kelly. Duración: 36 minutos.
A HDTV ofrécelle a Rappaport unha oportunidade única: ter acceso aos decorados e pantallas de proxección traseira das películas que a Warner fixo entre os anos 30 e os anos 50. Un mozo viaxa a través do tempo na procura do seu avó. Os actores actúan e relaciónanse cos sets e fondos usados orixinalmente en títulos como El suelo eterno, Alma en suplicio, El halcón maltés ou Extraños en un tren.      
 
JOHN GARFIELD     
(Estados Unidos, 2003)
Dirección, guión, fotografía e produción: Mark Rappaport. Duración: 9 minutos.
Síntese da vida de John Garfield, o tan atractivo como rebelde actor estadounidense, por medio de fragmentos das súas películas. Xudeu e esquerdista perseguido na caza de bruxas, influente en actores posteriores, a súa ideoloxía marcará a súa traxectoria.   
 
Xoves 3 de xuño (20.30 horas):
THE SILVER SCREEN: COLOR ME LAVENDER
(Estados Unidos, 1997)
Dirección e guión: Mark Rappaport. Produción: Couch Potato Productions. Fotografía: Nancy Schreiber. Duración: 100 minutos.
Rappaport destapa o subtexto gay oculto no cine clásico de Hollywood. Sofisticada e divertida reflexión sobre a identidade sexual e a Historia do cine construída mediante punzantes comentarios e un esixente labor de montaxe, que leva a que o traballo de Danny Kaye, Jerry Lewis ou Cary Grant máis a desmitificación sexual do western ou as buddy movies ofrezan unha perspectiva novidosa do legado cultural.
 
Venres 4 de xuño (18.00 horas):
ROCK HUDSON´S HOME MOVIES     
(Estados Unidos, 1992)
Dirección e guión: Mark Rappaport. Produción: Couch Potato Productions. Fotografía: Mark Daniels. Duración: 63 minutos.
Filme-colaxe que ten como motivo principal a propia “metraxe atopada”. Revisión da Historia do cine que analiza as películas de Rock Hudson partindo do que hoxe sabemos del: homosexual falecido de SIDA. En simultáneo preso e promotor dunha política sexual e os seus estereotipos, Hudson é a metáfora e prisma ideal a través do que é posible explorar a representación sexual e os códigos de xénero presentes nos filmes de Hollywood nos anos 50 e 60.

Categoría: Novas
Etiquetas: