O CGAI HOMENAXEA A MIGUEL GATO

4 / 02 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe celebra mañá sábado día 5 de febreiro (18.00 horas), dentro da súa sección da programación OFF GALICIA, unha homenaxe ao director recentemente falecido Miguel Gato (1948-2010). Xunto á proxección de varias das súas pezas, o acto contará cunha mesa redonda previa na que intervirán amigos e colaboradores seus, profesionais como Juan Hernández Les, Luis Álvarez Pousa e Pepe Coira, os directores Miguel Castelo e Antonio F. Simón e o produtor Víctor Ruppén, presentados polo director do CGAI, Guillermo Escrigas.  
   

As pezas que se proxectarán son:

O HERDEIRO
(España, 1976)
Dirección: Miguel Gato. Guión: Miguel Gato e Antonio F. Simón. Produción: Víctor Ruppén. Fotografía: Roberto Gómez. Intérpretes: Pilar Losada, Miguel Arrieta. Duración: 17 minutos.
A morte dun vello facendado fai que o seu neto viaxe da cidade, onde vive, ao campo. Ali algúns insisten para que quede á fronte da propiedade familiar. Premio á mellor curtametraxe no Festival de Huesca, unha das curtametraxes realizadas en cine pioneiras en Galicia logo de que Miguel Gato vise como desaparecía, secuestrada polo Tribunal de Orden Público, A tola (1974).  

YEGUAS PREÑADAS POR EL VIENTO
(España, 1977)
Dirección: Miguel Gato. Guión: Ismael González. Produción: Ars Film. Fotografía: Roberto Gómez. Duración: 11 minutos.
Pertencente á serie de títulos comprendidos en Viejas costumbres gallegas, un percorrido pola labor dos cabalos bravos en distintos lugares de Galicia, cunha perspectiva insólita. Produción e guión de Ismael González.  
 
OS CIGARRÓNS
(España, 1977)
Dirección: Miguel Gato. Guión: Ismael González. Produción: Ars Film. Fotografía: Roberto Gómez. Duración: 8 minutos.
Tamén pertencente a Viejas costumbres gallegas, un achegamento ao popular entroido de Laza (Ourense).  
 
PESQUISAS. O CASO DAS GALIÑAS AFORCADAS
(España, 1991)
Dirección: Miguel Gato. Guión: Xulio Fontecha, Francisco Taxes e Lino Braxe. Produción: Sincro Produccións SL. Fotografía: Juan Carlos Gómez. Intérpretes: Antonio Durán “Morris”, Manuel Manquiña. Duración: 31 minutos.
Capítulo piloto do que ía ser a serie televisiva Pesquisas, centrada nos casos que ten que resolver unha axencia de detectives.   

 

BIOGRAFÍA DE MIGUEL GATO (Santa Marta de Ortigueira, 1948-Madrid, 2010)  
Figura histórica pioneira do cine realizado en Galicia en plena transición. Miguel Gato estuda en 1971 na célebre Escuela Oficial de Cine (EOC) de Madrid, unha formación interrumpida polo peche da Escuela. Traballa xunto a Enrique Baixeras, Antonio Simón e Miguel Castelo en distintos cometidos cinematográficos, e dirixe A tola (1974), polémico e desaparecido traballo, secuestrado polo Tribunal de Orden Público. Coa curta en 35 mm. O herdeiro (1976) acada o premio á mellor curtametraxe no Festival de Huesca. Anos de efervescencia, Gato dirixe por entón producións da serie “Viejas costumbres gallegas” para Ismael González, escribe como critico e analista en El País ou publicacións especializadas como Cinema 2002 ou Casablanca, publicando con Juan Hernández Les o libro de entrevistas El cine de autor en España (1978). Traballa como guionista en proxectos compartidos con Francisco Taxes ou Emma Cohen e ten unha ampla traxectoria en producións para distintas canles de televisión (ETB, TVG, Telemadrid, TVE,…), mentres non deixa de dirixir anuncios e vídeos publicitarios.  

A entrada é gratuíta.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: