O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual inicia un ciclo o martes día 18 de maio no que se proxectarán as longametraxes gañadoras na última edición dos Premios Mestre Mateo como modo de promoción e difusión da produción galega do último ano.

O ciclo inaugúrase o martes 18 de maio ás 20.30 horas coa proxección de “Celda 211″ de Daniel Monzón. O acto contará coa presenza e presentación previa de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios; Xosé Manuel Olveira, “Pico”, director da Academia Galega do Audiovisual e os produtores galegos de “Celda 211″, Emma Lustres e Borja Pena (empresa Vaca Films). 0 ciclo segue os días 21, 27 e 29. A entrada a todas as sesións é gratuíta.     

O Venres 21 tamén ás 20.30 horas proxectarase “Conexión”, miniserie de coprodución española e portuguesa sobre as conexións do mundo do narcotráfico entre Galicia e Portugal. Gañou  o galardón de mellor película para televisión. A presentación estará a cargo de Pancho Casal, produtor.
 
Xoves 27 ás 20.30 horas, un dos seus directores, Jorge Coira, e a produtora Fernanda del Nido, presentarán “¿Qué culpa tiene el tomate?”,
Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Unha obra observacional na que participan 7 directores iberoamericanos que, a través dos seus mercados populares, nos envolven nas súas diferentes culturas e formas de vida.

Sábado 29 ás 20.30 horas, presentación a cargo da directora Diana Gonçalves de “Mulleres da raia”. Unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia transpórtanos ao noso pasado máis recente, o contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas. Foi Premio Mestre Mateo ao mellor documental.