O CGAI CELEBRA ESTA SEMANA O CICLO ENCRUCILLADAS ISAKI LACUESTA-NAOMI KAWASE

14 / 10 / 2010

O CGAI en colaboración co CCCB de Barcelona, proxecta a correspondencia filmada (“In between days”, xoves 14 de outubro ás 18 e 21 horas) que o cineasta catalán Isaki Lacuesta e a xaponesa Naomi Kawase estableceron en 2008 por encargo do CCCB. Complementa “Los Condenados (mércores 13, 18 e 21 horas, na segunda sesión presentación a cargo do director, Isaki Lacuesta), o titulo co que Lacuesta obtivo o premio da crítica internacional en San Sebastián 2009, e “Nanayo” (2008) (Venres 15 de outubro, 18 e 21 horas), titulo pouco visto da cineasta xaponesa.  

MÉRCORES 13 DE OUTUBRO
LOS CONDENADOS     
(España, 2009)
Dirección: Isaki Lacuesta. Guión: Isaki Lacuesta e Isa Campo. Produción: BNC Produccións. Fotografía: Diego Dussuel. Intérpretes: Daniel Fanego, Arturo Goetz. Duración: 104 minutos.
Dous ex-guerrilleiros latinoamericanos volven atoparse despois de tempo con motivo dunhas escavacións na procura dos restos dun antigo compañeiro. Os ideais revolucionarios, as diversas formas de loita, as perspectivas xeracionais, a repercusión no imaxinario colectivo, a culpa ou os dilemas morais, nun título dirixido por Isaki Lacuesta (Cravan versus Cravan; La leyenda del tiempo) que deliberadamente foxe do espazo e o tempo para universalizar un dos grandes temas da Historia: a plasmación da considerada utopía. Rodada en Perú, Arxentina e España, a sutil narración, como recorda Lacuesta, combina na súa reflexión un catálogo de referencias qu e van de Joseph Conrad á ditadura arxentina, a revolución rusa e grupos armados como ETA. Premio FIPRESCI en San Sebastián 2009.        

XOVES 14 DE OUTUBRO
IN BETWEEN DAYS     
(España-Xapón, 2009)
Dirección, guión e fotografía: Naomi Kawase e Isaki Lacuesta. Produción: CCCB e Kumie. Intérpretes: Isa Campo. Duración: 44 minutos.
Un proxecto de correspondencia filmada entre dous cineastas, a xaponesa Naomi Kawase (Shara; El bosque del luto) e o español Isaki Lacuesta. In between days forma parte da exposición Todas las cartas (CCCB). Unha obra conxunta estruturada a través de sete cartas filmadas que comprenden intres de vida e reflexións dos seus autores. Realizada en dúas partes diferenciadas, unha primeira (presentada en Barcelona en setembro de 2008) con 4 cartas e unha segunda na que Kawase visita a localidade natal de Lacuesta, Banyoles (Girona) e que deriva nunha rodaxe fallida, con problemas técnicos (mal revelado da película) que non impide dúas cartas máis e unha posdata posterior de Lacuesta. Participante no Festival de Locarno.
Inclúe a peza sobre Naomi Kawase TRES TIEMPOS, TRES GESTOS dirixida por Diana Toucedo, montadora de Isaki Lacuesta e natural de Redondela, co que a sesión terá 30 minutos máis (74).  

VENRES 15 DE OUTUBRO
NANAYO     
(Xapón-Francia, 2008)
Dirección: Naomi Kawase. Guión: Kyoko Inukai e Naomi Kawase. Produción: JDTC, Kumie, Local Color Films, Phantom Film, Pony Canyon, Real Products e Visual Arts. Fotografía: Caroline Champetier. Intérpretes: Kyoko Hasegawa, Grégoire Colin. Duración: 90 minutos.
O encontro de personaxes diversos de diferente nacionalidade nunha escola de masaxes en medio da selva tailandesa. A falta dunha linguaxe común a arte tradicional da masaxe será o vínculo entre todos. Coprodución con Francia na que Naomi Kawase non renuncia ao uso da natureza e a beleza dos encadres pero si abandona a localidade natal de Nara, explorando de novo cuestións como a perda ou o marasmo existencial e construíndo de maneira sutil, delicada (vid. o medido uso da banda sonora) e simultaneamente moi viva unha narración pouco menos que inédita entre nós (estreouse no BAFF).

 

Categoría: Novas
Etiquetas: