NOVO CINEMA GALEGO: FORZA CENTRÍFUGA

20 / 01 / 2015

O artigo de Xurxo González (historiador, crítico de cinema e xestor cultural) foi publicado tamén na pasada edición do anuario e fala sobre a saída da industria audiovisual galega máis alá das fronteiras da nosa Comunidade Autónoma, dende o punto de vista do novo cinema galego.

“O que se denomina Novo Cinema Galego (a partires de agora escribirase coas siglas NCG)fracasou no primeiro obxectivo que se fixou: chamar a atención da administración da Xunta de Galicia. Queríase que a AGADIC se dese conta da necesidade de prolongar as boas condicións que a administración creou para que xurdira este novo xeito de facer cinema. A denominación do NCG foiunha mera transposición á actualidade das fórmulas dos novos cinemas modernos que emerxeron en Europa na década dos anos 60 e 70. O NCG foi o froito dunha política audiovisual acertada que tivo o goberno do bipartito entre 2006 e 2009 de mans da Axencia Audiovisual Galega con Manolo González no leme.

Esta comparativa non é nada frívola xa que nos cinemas modernos sempre houbo un axente que funcionou como elemento coagulante: crítica (CahiersduCinéma, Sequence, Nuestro Cine...), escolas de cinema (Lödz, FAMU, IDHEC, EOC…), festivais (Oberhaussen) ou organismos da administración (British Film Institute, Dirección General de Cinematografía y Teatro…). Ante as poucas expectativas xeradas polo troco de goberno en Galicia motivou que novos representantes do aparato crítico cinematográfico galego acuñaran a denominación do NCG a comezos de 2010. A estratexia deseñouse para facerlle ver ao novo goberno da Xuntaa necesidade de manter unha política audiovisual que, como o paso do tempocomprobou, obtivo grandes resultados atendendo á escasa cantidade de diñeiro invertida.

O NCG é un movemento caracterizado por unha dinámica que se podería ilustrar cunha espiral centrífuga, expansiva, cara a fora. Todas as arelas por compensar esta forza fracasaron de maneira traumática deixando excesivamente á intemperie un cinema definido pola fraxilidade. A idea era que esta espiralestivera baseada nunha forza centrípeta consistente, apoiada polos axentes que definen o centro de onde emana o NCG mais, curiosamente, a forza adquiriuna pola súa proxección cara o exterior.Desde fai un lustro aAGADIC caracterizouse por unha falta de política audiovisual polo que só así se xustifica o grandedesleixo cara o NCG. Unha sensibilidade despectiva que se reproduciu noutros axentes que engrosan o sector audiovisual en Galicia: a reticencia nos produtores, a incompetencia da TVG, odesinterese da universidade, a invisibilidade nos medios…

Porén, o NCG si tivo entidade fora de Galicia sobre todo grazas a súa consideración en festivais internacionais. Para promocionar o cinemanon hai nada mellor que os filmes falen por ti sen necesidade de botar man de viaxes, postos, panfletos, dietas, misións comerciais, agasallos… Os filmes que se poden adscribir ao NCG son normalmente moi pequenos en produción porén moi ambiciosos na súa vertente artística. É unha produción que non se traizoa así mesma deixando transparente a súa honestidade creativa. Unha natureza moi apreciada en festivais.Nestepunto atópase á esencia de toda promoción internacional que se queira facer en calquera tipo de cinema: saber facer unha boa análise do produto. Tendo en conta as variables ontolóxicas poderase escoller a ventá que lle ven máis acaída: mercados, salas comercias, festivais, televisións, internet… Estes circuítos teñen as súas propias características e coñecelas supón a posibilidade de acertar á hora de escoller cal será a proxección máis axeitada para natureza de cada filme.

A clarividencia na promoción cinematográfica consiste en sopesar a potencialidade do filme e o seu encadramento nestas plataformas nas que se quere dar a coñecer. A capacidade de encaixar as dúas variables é onde estriba o seu éxito. Cando se estudia a realización dun filme xa se están barallando os posibles recorridos na súa exhibición. Obviamente se o filme ten unha calidade sobresaínte poderá aspirar a transitar por moitos e variados camiños, mais normalmente este exemplo é o que se atinxe con menos frecuencia e case sempre hai que optar, con coherencia, por unha opción determinada. Neste punto convén non ser ambiguo e recalcar as potencialidades que definen o proxecto.

Un filme do NCG probablemente nunca chegará a ser un éxito de billeteira porén, mais de un, chegou a transitar por un número elevado de festivais. Neste terreo hai que sinalar, aínda que sexa cunha perspectiva estatística, o traballo da produtora galega Zeitun Films que se converteu no paradigma de mover internacionalmente as súas producións: Todos vós sodes capitáns(2010), Arraianos(2012), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser(2013)e Costa da Morte(2013). Este catálogo de títulos tivo gran relevancia en numerosos festivais con recoñecemento de premios, crítica e público. Entre elas destaca Todos vós sodes Capitáns, de Oliver Laxe, que se viu en máis de 60 festivais e Costa da Morte, de Lois Patiño, que se chegará a verse, a finais do presente ano, en case 100.

Como analizar este fenómeno? Pois nun principio apostar por filmes de irrenunciable calidade artística e cultural. Esta idiosincrasia posiblemente sexa o que una a estes filmes. En segundo lugar aproveitar os coñecementos adquiridos (know-how) co seu primeiro filme. Grazas a Todos vós sodes capitáns, Premio FIPRESCI no festival de Cannes 2010, Zeitun Films entrou en contacto cunha serie de festivais, críticos e programadores de medio mundo. Unhas relacións que serviron para suavizar o camiño para os seguintes títulos. Esta bagaxe permitiulle colocar as súas apostas nos festivais máis importantes do mundo (Cannes, Locarno, Rotterdam…). Con esta capacidade de estrear mundialmente en sitios de tanto prestixio facilitoulles moito o acceso a unha longarestra de festivais. Nun principio serán críticos e programadores doutros festivais quen lles pidan directamente os filmes. Posteriormente as novas de presenzas ou premios en festivais fará un “efecto chamada” que interesará a outras citas cinematográficas. E, finalmente, a produtora recorrerá aos procesos normais para prolongar a vida dos filmes. Un circuíto mundial que, nos dous casos destacados, rebordaron os 25 mil espectadores. Unha cifra nada rexeitable se comparamos coas cifras do espectadores de títulos doutras produtoras galegas con clara vocación comercial.

Ao ronsel deste extraordinario facer se lle suma o apoio desinteresado a outras producións do NCG. Tanto Felipe Laxe como Martin Pawley fixeron gala dunha extraordinaria xenerosidade e intentaron dar un pulo a outros filmes doutros autores. A rede de relacións afianzadas ao longo destes catro anos poñen aos responsables de Zeitun Films nun lugar privilexiado para facer de intermediarios con directores de festivais, críticos ou seleccionadores. Non é o mesmo que un filme acceda aos festivais polas canles oficiais que veña con algunha recomendación.Este tipo de promoción se estende a outros niveis aos propios cineastas que visitan os festivais presentando filmes. Ante o prolífico panorama de excelentes filmes saídos de Galicia nos últimos anos son moitas as preguntas que se fai a xente de todo o mundo arredor deste fenómeno.Deste xeito, os propios cineastas (Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño) convértense en embaixadores do NCG ofrecendo información ou ligazóns para visualizar filmes a xente interesada no que está a suceder en Galicia.

O NCG é un movemento que acubilla unha gran complicidade materializada no intercambio de pareceres artísticos, influencias e (des)influencias nas distintas fases polas que transcorre un proxecto. Estas vinculacións reforzan o sentimento de pertenza a un colectivo facendo do NCG algo real e incuestionable.Unhas actuacións que diverxen totalmente dos anquilosadosprocedementos industriais locais: aproveitamento das novas tecnoloxías, linguaxes con elevado risco artístico, as circunstancias do procesose reflicten no discurso, unha grande cinefilia que procura novos referentes na vangarda mundial e xuntanzas en festivais galegos no que afondar nas relacións e tecer outras novas. A estas características consensuadas até o de agora no NCG hai que sumar un impulso de promocióncorporativa que, triste e curiosamente, ofrece maior solvencia no estranxeiro que en Galicia.

A etiqueta do NCG amósase como unha excelente tarxeta de presentación para dar visibilidade á produción independente que se deu en Galicia. Tres palabras sen custe engadido que chocan contra sofisticadas campañas de publicidade que cada certo tempo poñen en práctica institucións e produtoras. O NCG tornouse nunha excelente imaxe do cinema galego. Mágoa que a administración, a máxima responsable desta efervescencia, non continúe interesada en apoiar este cinema que se erixe nun dos momentos máis excelsos da visualización da cultura galega no mundo”.

Categoría: Análise
Etiquetas: