Dez concursantes percorren o Camiño, desde Rocenvalles, para deixar de fumar PRESENTADO O GRAN CAMIÑO, DA TVG

O programa estréase o sábado, cunha gala presentada por Carlos Blanco

Dez concursantes percorren o Camiño, desde Rocenvalles, para deixar de fumar

Santiago, 28 xuño 2007.- A Televisión de Galicia, xunto ás produtoras Filmanova e Continental, presentou este mediodía, no Club Internacional de Prensa, en Santiago, a nova aposta da autonómica para este verán; trátase do programa O Camiño, que presenta o popular actor e presentador Carlos Blanco, con dirección de Antonio Segade.

Suso Iglesias, director xerente da TVG, falou das esperanzas que a TVG ten postas neste programa, despois dos bos resultados colleitados por A Casa de 1906 -tamén coproducida por Filmanova e Continental-, e da que actualmente está a piques de comeza-la rodaxe da segunda temporada. Iglesias salientou, asemade, que a TVG está apostando por unha serie de formatos novidosos, como este de O Gran Camiño, ao que hai que engadir outros, como Hai que mollarse ou Criaturas. Tamén destacou o responsable da canle autonómica que foi más doado do que pensamos convencer aos patrocinadores, que desde o primeiro momento se amosaron receptivos coa idea.

Manuel Amigo, subdirector xeral de fomento de estilos de vida saudables, da Xunta de Galicia e Manuel Rodríguez, técnico do departamento de xestión do Plan Xacobeo, tamén estiveron nesta rolda de prensa, á que asistiu o profesor Elisardo Becoña, da Universidade de Santiago.
Antonio Segade, director do programa desenvolveu polo miúdo o esquema do concurso, no que se primarán de distintas formas a victoria nas diferentes probas que a organización lles vai propoñendo aos concursantes ao longo do traxecto.

Por outra banda, tanto Cani Martínez coma Pancho Casal, de Filmanova e Continental, respectivamente, falaron da agradable experiencia que supuxo, unha vez máis, unir esforzos ambas produtoras para crear un produto do que se sentes orgullosos, xestado en Galicia.

O Gran Camiño é un reality que mestura a promoción de hábitos de vida saudables cun concurso eliminatorio; dez concursantes percorren o Camiño de Santiago para superar un gran reto, deixar de fumar, e irán superando diferentes probas ao longo das distintas etapas que van percorrendo.