O Teatro Municipal de Tui foi o escenario esta tarde da inauguración oficial de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, que até o próximo domingo se celebra na cidade fronteiriza ofrecendo o mellor do xénero audiovisual actual presentado polos seus propios realizadores. A calidade é un dos compromisos do festival, e tamén unha das claves do seu éxito segundo se destacou por parte das autoridades e dos propios directores Play- Doc inicia a súa terceira edición marcada pola calidade e a repercusión internacional
Os directores de Play-Doc apelan as institucións a traballar xuntos para ter en Galicia un gran festival

O Teatro Municipal de Tui foi o escenario esta tarde da inauguración oficial de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, que até o próximo domingo se celebra na cidade fronteiriza ofrecendo o mellor do xénero audiovisual actual presentado polos seus propios realizadores. A calidade é un dos compromisos do festival, e tamén unha das claves do seu éxito segundo se destacou por parte das autoridades e dos propios directores.

Sara García, co-directora do Festival, manifestou que se sinte “especialmente orgullosa desta terceira edición repleta de documentais cunha selección moi interesante”, ao tempo que destacaba os eventos paralelos a Play-Doc que se van celebrar até o próximo domingo.

Ángel Sánchez, co-director de Play-Doc, indicou que o festival “plantexa unha fiestra aberta ao mundo” engadindo que “pretende servir de ponte entre as creacións libres e o público”. Destacou asemade o compromiso do Festival co noso audiovisual tanto ao través do Foro Documental dirixido ao profesionais galegos coma coa proxección de documentais feitos en Galicia. Outro dos compromisos destacou que son os mozos e as novas ideas que teñen forma no Play Avid Doc que comezou hoxe mesmo. Ángel Sánchez concluíu manifestando que “soñamos un gran festival, temos a idea e sabemos como facelo” por iso pediu ás institucións que “traballemos xuntos para ter en Galicia un gran Festival”.

O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, afirmou que “estamos nun proxecto que merece a pena, vai ter longa vida e xa é un gran festival”. Bará indicou que proxectos coma Play-Doc son os que teñen darlle sentido ás localidades coma Tui apostando pola cultura coma factor de desenvolvemento local e económico. Unha cultura, dicía, cargada de “valores, con calidade e identidade”.

Play- Doc abre o calendario de Festivais audiovisuais en Galicia segundo explicou Manuel Xosé Fernández Iglesias, Director Xeral de Comunicación Audiovisual, ao tempo que destacaba a “identidade propia” do festival eloxiando que “está moi traballado dende o punto de vista técnico e conta con elementos diferenciadores con respecto a outros festivais. Augurou amais que Play-Doc vai ser “un éxito tamén nesta edición”.

Por último tomaba a palabra o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, quen se referiu a esta cita audiovisual coma “un lugar de encontro” que ofrece unha ampla programación xunto a unha aposta por actividades paralelas. Tamén destacou que Play-Doc contribúe a “difundir o nome de Tui polos cinco continentes”.

Previamente ao acto tivo lugar a colocación dunha das vallas de Ron English xunto á Area Panorámica, que o propio artista norteamericano foi o responsable de instalar. A súa obra está presente en cinco vallas distribuídas pola cidade e nunha mostra que se atopa na Sala de Exposición Municipal xunto á sé de Play-Doc.