Algúns dos máis prestixiosos expertos do panorama nacional, autonómico e local da televisión dixital terrestre (TDT) deronse cita hoxe en Lugo para participar na xornada ClusterVisión: contidos para TDT, que forma parte do Foro Multiplataforma: a converxencia das producións dixitais, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria e Caixa Galicia, co obxectivo de analizar as consecuencias da revolución dixital e as posibilidades de negocio que representa para a industria audiovisual galega.
O CLÚSTER AUDIOVISUAL EXPLORA EN LUGO A TELEVISIÓN DIXITAL TERRESTRE

Lugo, 20 de novembro de 2006.- Algúns dos máis prestixiosos expertos do panorama nacional, autonómico e local da televisión dixital terrestre (TDT) deronse cita hoxe en Lugo para participar na xornada ClusterVisión: contidos para TDT, que forma parte do Foro Multiplataforma: a converxencia das producións dixitais, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria e Caixa Galicia, co obxectivo de analizar as consecuencias da revolución dixital e as posibilidades de negocio que representa para a industria audiovisual galega.

O Foro está estruturado en catro paneis de debate, que se celebran nas catro provincias galegas, sendo o primeiro en Ourense o pasado 9 de novembro, seguido do que hoxe se inaugura en Lugo e dos previstos en Santiago -4 de decembro-, e Pontevedra -11 de decembro- e está concebido para contribuir a dar resposta ao desafio que as tecnoloxías da información e das comunicacións representan para a industria audiovisual galega e explorar o caudal de potencialidade da revolución dixital, que representa para as sociedades desenvolvidas unha dimensión de importancia crecente e límites descoñecidos, aínda por descubrir.

ClusterVisiónTDT: posibilidades da interactividade

Inaugurado pola directora xeral de Promoción e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, e Sinesio Pérez Rodríguez, xerente da Fundación Caixa Galicia de Lugo, ClusterVisión TDT: Contidos para Televisión Dixital Terrestre, reuníu en Lugo a directivos de televisións de contidos dixitais para analizar o forte impacto que está a ter o desenvolvemento da TDT na produción de contidos, xa que o incremento na capacidade de transmisión conleva unha maior demanda destes e, consecuentemente, un importante impulso á industria de xeración de contidos e de novos servizos interactivos asociados á televisión dixital. As posibilidades reais da interactividade e a aceptación da audiencia, a oportunidade da TDT fronte á irrupción da IPTV, e a oferta autonómica de TDT para conquistar público e asegurar a rendibilidade foron outros dos asuntos postos a debate durante a sesión.

ClusterVisión analizou a necesidade emerxente de desenvolver novos contidos acordes coas amplas posibilidades da TDT e o avance que esta vai representar para o desenvolvemento da Sociedade da Información, especialmente no ámbito da produción de contidos e de novos servizos interactivos asociados á TV dixital, aos que poderá acceder gran parte da poboación que aínda non conta con acceso a un ordenador personal conectado a Internet.

Participaron como ponentes Guillermo García Lacuesta, director de Desarrollo de Negocio de Veo TV; Jose María Moreno, responsable da Rede de Emisoras Locais de Vocento; Carlos Carballo, director de TDT Corporación La Voz de Galicia; Rafael Ramos, director xeral de TV Popular de Galicia; e Javier Otero, director xeral de Localia Galicia.

Valencia, ineteresada en reproducir o modelo do Clúster Audiovisual Galego

Entre o numeroso público asistente á sesión, destacou a presenza de varios representantes do sector audiovisual procedentes de diversas comunidades autónomas, como Agustín Cáceres Padrón, do departamento de Audiovisuais da empresa AIDO (Instituto Tecnolóxico de Óptica, Color e Imaxe) de Valencia, onde están moi interesados nas actividades do Clúster Galego e queren crear un clúster na súa comunidade seguindo o modelo do Clúster Galego. Estudantes de Imaxe e Son, produtores audiovisuais, creativos, directivos de televisións locais e proveedores de servizos e contidos completaron o aforo da sala onde se desenvolveu ao longo da mañá ClusterVisión.

ClusterTel e ClusterPlay

O terceiro panel do Foro Multiplataforma terá como escenario Santiago, o día 4 de decembro, titulado ClusterTel: Servizos para móbiles. Participarán expertos das compañías operadoras –Movistar e Vodafone-, das empresas subministradoras de servizos –Asociación de Empresas de Servizos a Móbiles, AESAM, e a Asociación Española de Comunicacións Móbiles, AECOMO-, e das administracións e empresas que demandan estes novos servizos, tales como administracións ou entidades bancarias e de aforro. Os expertos tratarán de diagnosticar as tendencias no sector das telecomunicacións para o desenvolvemento de novos servizos ofrecidos a través do teléfono móbil. Subministro de información turística, meteorolóxica, transaccións bancarias, etc. son algunhas das ofertas que actualmente están no mercado, pero os usuarios teñen novas demandas de servizos que é convinte identificar, tanto dende a perspectiva dos usuarios privados, como das institucións, administracións, colectivos, sociedades, etc.

A xira do Foro Multiplataforma polas catro provincias galegas concluirá en Pontevedra o 11 de decembro coa sesión titulada “Clusterplay: ocio interactivo”, adicada a explorar as posibilidades, infinitas e aínda por descubrir, que ofrecen as novas tecnoloxías aplicadas ao ocio. A converxencia entre industrias de ocio, de software e de comunicación está a favorecer novas oportunidades de negocio e novas ferramentas de diversión. Os expertos analizarán en Pontevedra os xogos multimedia como nova forma de ocio intelixente, global e interactivo. Está prevista a participación de directivos de EGANET, a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet; de ADESE, a Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Entretemento; de Sony Playstation España; de Pyro Estudios, empresa española líder na creación de videoxogos; e do Laboratorio Gamelab, da Universidade de Oviedo.