NOVAS DO SECTOR: DE PROFUNDIS, CANDIDATA AO GOYA Á MELLOR PELÍCULA DE ANIMACIÓN

19 / 12 / 2006

A PELÍCULA DIRIXIDA POR MIGUELANXO PRADO E CON MÚSICA DE NANI GARCÍA CHEGARÁ AOS CINES O 19 DE XANEIRO
Veñen de coñecerse as candidaturas aos próximos Premios Goya e DE PROFUNDIS é unha das candidatas a mellor película de animación do ano.

DE PROFUNDIS, CANDIDATA AO GOYA Á MELLOR PELÍCULA DE ANIMACIÓN

A PELÍCULA DIRIXIDA POR MIGUELANXO PRADO E CON MÚSICA DE NANI GARCÍA CHEGARÁ AOS CINES O 19 DE XANEIRO

Veñen de coñecerse as candidaturas aos próximos Premios Goya e DE PROFUNDIS é unha das candidatas a mellor película de animación do ano.

DE PROFUNDIS supón a culminación dun proxecto moi especial que xurde da imaxinación do recoñecido artista galego e debuxante de banda deseñada Miguelanxo Prado, e que en compaña de Nani García (como compositor dunha música de entidade fundamental na película) levaron a cabo durante varios anos da man da división de animación de Continental e Desembarco Producións (a produtora que comparten director e compositor). A este proxecto foron uníndose a produtora portuguesa Zeppelin, así como Cabreiroá que precisamente celebrou o seu centenario coa estrea escénica da película en A Coruña o pasado 18 de outubro, na que a Orquestra Sinfónica de Galicia e o coro Cantábile interpretou a música en directo.

A película aúna técnicas pictóricas e de animación nunha incrible viaxe ao fondo da mar, e na que os diálogos veñen dados polas propias músicas que se escoltan durante toda a película. O director Miguelanxo Prado e o compositor Nani García formaron así un tándem creativo que tras un longo e complexo periodo de produción ven recompensado o seu traballo con esta nominación.

Esta é unha nova nominación para Continental e a primeira para o seu departamento de Animación, do que De Profundis é a súa primeira longametraxe.

E podemos adiantar que DE PROFUNDIS chegará ás salas de cine convencionais a partir do vindeiro 19 de xaneiro. A partir de entón os espectadores de toda Galicia e das máis importantes cidades do resto do estado poderán ver nas mellores condicións de imaxe e son esta obra máxica e singular, na que un pintor que quere ser mariñeiro emprende unha viaxe na que descubre a emocionante beleza e os misterios das profundidades.

Se precisades máis información podedes visitar a páxina web www.deprofundislapelicula.com ou poñervos en contacto connosco no 981 213 637 ou no 647 493 197.

Recibide un cordial saúdo.

Categoría: Novas
Etiquetas: