O domingo día 8, ás 11:00h, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia celebrou Asemblea Xeral na que os membros da mesma elixiron unha nova Xunta Directiva. Tal como se anunciara, deuse unha ampla renovación na dirección, para asumir os moitos retos que lle agardan a AAAG  na defensa e promoción dos actores e actrices galegos.

A Xunta Directiva quedou integrada polos seguintes actores e actrices: Toño Casais (Presidencia), Casilda Alfaro (Vicepresidencia), Guillermo Carbajo (Secretaría), Camila Bossa, Álex Carro, Antonio Durán “Morris”, Victoria Pérez, Lucía Regueiro, Mónica García, Vicente De Souza, Josito Porto e Déborah Vukusic, mesturando a enerxía das novas adquisicións coa experiencia dos directivos e directivas veteranos.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia vén desenvolvendo unha intensa e continuada actividade desde o ano 1985, no que foi creada, e a nova Xunta Directiva, que distribuirá as diversas áreas de traballo nunha próxima reunión, terá como temas máis inmediatos: abordar a organización da XVII edición dos Premios de Teatro María Casares 2013, integrarse no Consello asesor do CDG, a captación de novos asociados e continuar as súas actividades, prestándolle unha especial atención, no seu ano, á figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.