Ninguén ten a culpa foi a gran triunfadora na XIII Mostra de Curtas “Vila de Noia”, que se celebrou do 26 de novembro ao 2 de decembro no Liceo desa localidade coruñesa organizada pola Concellería de Cultura e Festexos do Concello. 

Competían no certame 32 curtametraxes. Entre todos eles, un xurado presidido polo concelleiro de Cultura do Concello, Javier Rodríguez Vieitese, e formado polo actor Eloy Azorín, a presentadora e actriz Paula Prendes e o director e guionista Dani de la Torre, outorgou o premio á mellor curta en 35 mm, dotado con 3.000 euros, a Ninguén ten a culpa, de Esteban Crespo. Esta obra alzouse, así mesmo, cos premios á mellor dirección, dotado con 600 euros, e á mellor actriz, para Alicerce Castro, dotado con 300 euros. O premio ao mellor actor, dotado con 300 euros, foi para Luís Zahera, por Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez; e o de mellor guión, dotado con outros 300 euros, para Anacos, de Xacio Baño.

O galardón á mellor curtametraxe en vídeo, dotado con 500 euros, recibiuno Efémera, de Diego Modino; o premio á mellor curta de animación, dotado con 1.000 euros, Luminaris, do arxentino Juan Pablo Zaramella; e o premio á mellor curta comarcal, dotado con 300 euros, Ramón e Xulia, realizado no marco dos talleres da Creba. Separadamente dos galardóns do xurado, concedeuse o premio do público, dotado con 300 euros, a outro traballo dirixido por Esteban Crespo: Aquel non era eu. Ademais, durante a gala de pechadura, que tivo lugar o 2 de decembro no Salón de Actos do Liceo, fíxose entrega do premio honorífico da Mostra ao actor e presidente da Academia Galega do Audiovisual Antonio Mourelos. Todos os galardóns acompañáronse dun trofeo conmemorativo.