O MPXA REMATA AS CLASES DO CURSO CON SESIÓNS DE DIRECCIÓN E PRODUCIÓN AUDIOVISUAL

13 / 05 / 2014

Jorge Coira, director e guionista; Farruco Castromán, produtor de ZircoZine; e Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, estarán esta semana no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey FernándezLatorre, para falar sobre dirección audiovisual e produción cinematográfica.

O vindeiro mércores 14, Jorge Coira fará unha aproximación histórica á figura do director e explicará as claves da relación entre o produtor e o director, así como o traballo do director nunha obra audiovisual.

Coira, director e guionista con máis de 15 anos de experiencia no sector televisivo e cinematográfico, dirixiu filmes como 18 comidas, Qué culpa tiene el tomate ou O ano da carracha; series de televisión como Piratas ou As Leis de Celavella; ademais de tv movies e programas para televisión. O seu vindeiro proxecto é a longametraje La luna en septiembre.

O xoves 15, o produtor Farruco Castromán, cofundador e produtor de ZircoZine, impartirá unha charla sobre produción de cine na que narrará a súa experiencia como produtor executivo e explicará o papel do productor no audiovisual galego.

Castromán é un actor e produtor que en 2007 fundou xunto a Luis Tosar a produtora ZircoZine. Dende a súa creación produciu as películas Al final del camino, Os Crebinsky, Doentes, 18 comidas, Operación E e Fenómenos.

O venres 16 estará no máster Alfonso Blanco, director xeral da produtora Portocabo, quen se encargará de despedir as clases presenciais da XVI edición do MPXA cunha sesión sobre produción e distribución internacional na que falará da súa experiencia como produtor da serie The Avatars.

Blanco comenzou a súa carreira en Voz Audiovisual como produtor de fición e entretemento, producindo máis de 300 capítulos de prime time para TVG, en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Matalobos. En entretemento foi produtor executivo de Son de Estrelas ou Mundo Verbena, entre outros. No ano 2010 puxo en marcha a productora Portocabo a través da cual produciu Galegos no mundo, Gran Nord, The Avatars y Luci.

Con esta sesión concluirán as clases presenciais deste curso do MPXA. O vindeiro 20 de xuño, nunha sesión de pitching, os alumnos defenderán o seu proxecto orixinal que desenvolveron durante o curso que presentarán ante profesionais de distribuidoras, canles de televisión e produtoras.

O máster, que dende 1999 forma a futuros profesionais da produción executiva nas distintas áreas do sector audiovisual, está dirixido a licenciados e diplomados interesados no proceso da produción audiovisual. Nas súas aulas imparten clase, ao longo do ano, máis de medio centenar de profesionais en activo do sector, procedentes de produtoras audiovisuais tanto autonómicas como nacionais.

Categoría: Novas
Etiquetas: