MEMORIA DO NACIONALISMO GALEGO NA TVG 2

1 / 07 / 2011

TVG 2 programará as dúas partes do documental Memoria do nacionalismo galego os venres 24 de xuño e 1 de xullo. Será ás 22:45h na segunda canle da televisión pública galega. Producido pola Fundación Galiza Sempre e IB Cinema, o documental percorre os cento setenta últimos anos da historia política, social e cultural de Galiza. Dende o Rexionalismo do século XIX, ata Castelao e o Estatuto do ano 1936, dende a Transición Democrática ata o pasado recente, o documental é un percorrido por algunhas das principais experiencias e ideas que axudaron a conformar a nación galega.

Dirixido por Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Xapata o traballo reúne por vez primeira aos máis destacados especialistas e protagonistas na traxectoria do nacionalismo galego. A obra basease fundamentalmente nos testemuños das 27 persoas entrevistadas, directamente relacionadas coa traxectoria do galeguismo político: historiadores, teóricos, sindicalistas, políticos e intelectuais. A pluralidade de puntos de vista recollidos nunha única obra é un dos méritos da produción.

Máis de 30 horas de gravación deron finalmente en algo máis de hora e media na que interveñen, entre outros, Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, F. Fernández del Riego, Camilo Nogueira, Margarita Ledo, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Pilar García Negro, X.L. Méndez Ferrin, Bautista Álvarez, Lidia Senra, Francisco Rodríguez, Anxo Quintana, Antón Moreda, Encarna Otero ou Xose Ramón Barreiro.

Con esta iniciativa preténdese divulgar a recente historia sociopolítica do País e as achegas do nacionalismo galego ao avanzo da democracia e as libertades. O documental recibiu o apoio da Deputación da Coruña, da Consellería de Cultura e da Televisión de Galicia.

Categoría: Novas
Etiquetas: