Un total de 46 empresas europeas visitaron o stand do Clúster Audiovisual Galego no Mercado Internacional dos Contidos Audiovisuais e Dixitais, MIPTV, no pavillón central do Palais des Festivals de Cannes, onde celebraron contactos bilaterais cos empresarios das 14 compañías galegas que integran a delegación do CLAG neste mercado, que se inaugurou o 30 de marzo e se clausura hoxe. 

A delegación empresarial do CLAG -composta por Abano Producións, Continental, CTV, Ficción, Filmanova, Interacción, Isabella Audiovisual, Dygra Films, Voz audiovisual, TV7, TVG, Adivina, Perro Verde Films e Milú Films- logrou establecer, no seu conxunto, 246 contactos con empresas internacionais para negociar acordos sobre un total de 33 producións, entre series de ficción, animación, documentais, formatos de entretemento, catálogos de cine para a súa explotación na pequena pantalla… etc.  

Como mostra do grao de aceptación da oferta audiovisual de Galicia, polo stand do CLAG pasaron estes días directivos de preto de medio cento de empresas e máis de douscentos profesionais. Canles de televisión europeas, como Eurochannel; distribuidoras como Sonny Pictures; centros de formación de primeiro nivel, como EMC, Entertainement Master Class; ou directivos de canles de Tv nacionais e autonómicas contactaron cos empresarios galegos no stand do Clúster.  

Como resultado, entre outros principios de acordo, Galicia podería formar parte do circuito de cidades europeas nas que EMC imparte un master sobre formatos de TV en cinco módulos, unha vez que o CLAG analice a viabilidade deste proxecto. Isabella Audiovisual chegou a un principio de acordo con dúas produtoras de Australia, December Films e Nach Box Pictures, para participar como coproductores na documedia social ‘For John Sake’, de TV7, pola que tamén se interesou a segunda canle de Tv máis importante de Australia, FBS. Voz Audiovisual contactou con empresas de Bélxica e Alemaña que poderían estar interesadas en versionar ‘Padre Casares’ e buscou contidos para a súa TDT. Continental acadou un acordo coa produtora Bavaria para distribuir ‘Conexión’ e  Perro Verde centrou as negociacións no proxecto ‘Arrugas’. 

Por primeira vez, o CLAG participou este ano con stand propio no MIPTV, ofrecendo ás empresas galegas un espazo corporativo, co equipamento necesario para a promoción do audiovisual de Galicia e a celebración de contactos de negocios entre os empresarios galegos e os profesionais asistentes ao mercado. A iniciativa forma parte do plan de internacionalización do CLAG co obxetivo de favorecer as condicions para a promoción exterior do sector, poñendo á súa disposición unha infraestrutura de servizos que facilite a visibilidade das empresas de Galicia e o labor de comercialización das súas producións.