Javier Rebollo vén ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a presentar a súa segunda película, a produción española “La mujer sin piano” (2009), unha circunstancia que lle permitirá ofrecer unha Master Class acerca do seu proceso de traballo o venres 16 de xullo ás 18.00 horas nas dependencias do CGAI. A entrada é gratuíta previa inscrición.

A película proxectarase no CGAI o xoves 15 de xullo (20.30 horas) e o propio venres 16 (21.00 horas), neste caso presentada polo seu autor, Javier Rebollo.
 
HAI QUE RODAR
Facer unha película é revelar un misterio, no sentido que a tes que facer para saber cal é a película que queres facer ou, mellor, a que che vai saír. Hai que rodala. Facer unha película depende dunha chea de factores que, menos mal, non dependen só de quen a fai (desde o humor dos actores ao tempo atmosférico). A min gústame a tensión da elaboración e a improvisación, o precioso azar controlado. Creo que hai que saber facerse ditoso da película que queremos facer, como dunha muller, de tal maneira que cando nos sorprenda esteamos dispostos para sorprendela a ela. Creo na actitude e no xesto máis que nos cartos. Creo no instinto, pero tamén na razón: unha película que se fai só coa razón é aburridísima de facer (e de ver a maioría das veces) e unha película que se fai só coa improvisación adoita ser un desastre. La mujer sin piano é unha película somnámbula, produto da falta de sono e do exceso de alcohol, un espello deforme que nos devolve á maneira do cinema verité o mundo absurdo no que nos tocou beber.  
Javier Rebollo
 
LA MUJER SIN PIANO
(España, 2009)
Dirección: Javier Rebollo. Guión: Lola Mayo e Javier Rebollo. Produción: Avalon Producciones. Fotografía: Santiago Racaj. Intérpretes: Carmen Machi, Jan Budar. Duración: 95 minutos.
O 16 de marzo de 2003 non será recordado só pola famosa foto das Azores, senón tamén como a data de liberación dunha muller que recupera a capacidade de sorprenderse mediante a observación da realidade circundante. Unha ama de casa sumida na apatía máis absoluta, chea de monotonía (matrimonio tedioso, unha vida sexual inerte e un traballo sen motivacións) decide pasar esa noite fóra da casa e aprender a gozar de pequenos praceres e encontros inesperados en medio do caos da sociedade. Logo de varias e inspiradas curtas e a longametraxe Lo que sé de Lola, unha ocasión para ver un novo e excelente traballo de Javier Rebollo. Cuncha de Prata ao mellor director en San Sebastián 2009.