A presentación do filme correu da mans do director, ademais de dous actores, Jacobo Rei e Atilano Franco, xunto con María José Giráldez, presidenta do Círculo Recreativo Cultural do Porriño e Alfonso Pato, director do festival. O Circulo Recreativo Cultural do Porriño continúa na liña de colaboración co festival outro ano máis. Para a súa actual presidenta, María José Giraldez, “é unha satisfacción e un pracer poder participar no festival outro ano máis”.
Mario Iglesias afirmou que en Cans séntese en familia, e que “é un momento emocionante e unha maneira moi bonita para comezar”. Ademais falou da súa longametraxe, que cualifica de “unha aposta cun cine propio, con proxección pública e voz propia. Cartas Italianas, está feito cun sentido artístico. É entretida e aportará cousas novas ao espectador. Aínda que é un experimento sempre é supón unha inquietude os momentos previos.

O director galego presentou a dous dos actores que participan no filme, Jacobo Rei e Atilano Franco. Dous actores que comezaron as súas carreiras interpretativas da man de Mario Iglesias. Para Atilano Franco, un vilagarcián que xa participou nos tres filmes de Mario, o traballo de actor “é excepcional, non teño máis que eloxios para o director”. Jacobo tamén agradeceu ao director a oportunidade de participar e aproveitou a ocasión para contar a anécdota previa a formar parte do elenco. Di Jacobo Rei, “estaba no mundo da empresa e ao ano de xubilarme dediqueime ao coidado dos netos. Un día Iglesias amosoume o guión do filme e pensou en min para un personaxe. Chamoume e díxome que tiña un papeliño para min. Eu pensaba que era un cameo pero cando vin o guión e as 40 escenas nas que aparecía o meu personaxe, asusteime. Ao principio tiña medo pero foi todo ben, unha experiencia marabillosa”.

Tanto Jacobo coma Atilano non tiñan experiencia nin formación de interpretación antes da participación en anteriores traballos de Mario Iglesias. Nesta terceira longametraxe volve combinar actores profesionais con amadores. “O actor natural”, engade Mario, “traballo no seu rexistro natural sen a capacidade de transcender a súa realidade para se adaptar ao papel. Para min a combinación de actores profesionais con naturais achega maior espontaneidade.

Cartas Italianas é a terceira longametraxe do director pontevedrés Mario Iglesias. O filme conta o encontro entre dous mundos opostos, dende unha perspectiva poética e intimista. Por unha banda, o mundo de Eloísa, fotógrafa italiana que, dende ben nova, viaxa polo mundo, e que pola súa profesión, recala en A Palma. E o mundo de Atilano, un camelo galego que vai parar a illa coa intención de abrir mercado para a cocaína coa que trafica. No transcurso do filme, vanse entrelazando historias da vida cotiá de múltiples personaxes. O filme foi rodado en Boiro e en Canarias en galego, castelán e italiano.

Coa preestrea mundial de Cartas Italianas o Festival de Cans, organizado pola Asociación Cultural Arela, amosa a súa transcendencia dentro do panorama audiovisual galego. En palabras de Alfonso Pato, o seu director, a preestrea do filme “vén a subliñar a vontade de proxectar cine, haxa ou non salas. Estamos encantados de estrear filmes os primeiros días do festival”.