MARÍA BOUZAS, RATIFICADA POLA ASEMBLEA DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL, COMO NOVA PRESIDENTA

14 / 10 / 2006

María Bouzas é xa a Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, segundo refrendou onte a Asemblea Extraordinaria convocada pola Xunta Directiva para tratar este e outros temas que atinxen ás actividades da entidade. Por unha maioría aplastante, @s soci@s da Academia deron o seu voto ó acordo da Xunta Directiva –que someteu á aprobación d@s soci@s- para que sexa María Bouzas quen presida esta Institución que agrupa a tódolos sectores implicados no audiovisual galego, e única Academia no estado español que aglutina tanto ós profesionais do cine como da tv.
MARÍA BOUZAS, RATIFICADA POLA ASEMBLEA DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL, COMO NOVA PRESIDENTA

A Xunta Directiva presentou as Actividades para o 2007

María Bouzas é xa a Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, segundo refrendou onte a Asemblea Extraordinaria convocada pola Xunta Directiva para tratar este e outros temas que atinxen ás actividades da entidade. Por unha maioría aplastante, @s soci@s da Academia deron o seu voto ó acordo da Xunta Directiva –que someteu á aprobación d@s soci@s- para que sexa María Bouzas quen presida esta Institución que agrupa a tódolos sectores implicados no audiovisual galego, e única Academia no estado español que aglutina tanto ós profesionais do cine como da tv.

Unha vez votada -e aplaudida- esta proposta, a Xunta Directiva informou sobre as xestións realizadas ata o momento dende que tomou posesión en xuño, e ata a data actual. Carlos Amil, Tesoureiro da Directiva, informou das distintas entrevistas mantidas con diversas institucións da Xunta de Galicia, como as Consellerías de Presidencia, a de Cultura e Deportes, Industria e outros organismos. Nestas xuntanzas abordáronse, entroutos temas, o sistema de financiamento da Academia para afrontar os custes estables que orixinan o mantemento da estrutura para o funcionamento cotián, custes que non se afrontan con recursos propios dado o elevado número de eventos que se programan: cursos, foros, os Premios Mestre Mateo, e outros. De aí que, coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual traballarase na elaboración dun Convenio para poder afrontar estas actividades con apoio económico institucional. A Xunta Directiva amosou a súa satisfacción polas actitudes dos distintos organismos da Xunta de Galicia, esperando respostas positivas por parte desta.

Dinamizar a web… e a música de cine

Dinamizar a páxina web da Academia fomentando a participación activa d@s soci@s nos foros de debate, considerouse por parte da Xunta Directiva e d@s soci@s que acudiron á Asemblea, necesario e importante porque por unha parte, implica unha maior participación dos membros da A.G.A. na vida desta, e por outra, permitirá o debate aberto de todos aqueles temas que atinxen a tódolos profesionais do sector. Así o manifestou na súa exposición e proposta Paco Lodeiro, vogal da Xunta Directiva.

Da exposición sobre o Seminario que se vai celebrar no Estudo de Man e en colaboración con este, encargouse Nani García, vogal da Xunta Directiva. A Academia participará nunha Mesa Redonda que abordará, con músicos galegos relacionados co audioviosual, a composición musical no cine e no audiovisual. Este acto será o 2 de novembro e participarán nel relevantes profesionais da música composta para o cine.

Publicacións da AGA

Foi o vicepresidente da AGA Pepe Coira, responsable desta área, quen propuxo a creación dunha Comisión que analice as publicacións necesarias a facer pola Academia, tanto en soporte papel como dixital. Dende un anuario que recolla tódalas actividades do sector no ano, a traballos en xeral, como artigos e colaboracións –que propicien debate e reflexión-, ata outros contidos que aúnen na publicación, a vida do audiovisual galego de cada ano.

Falou tamén, compartindo c@s soci@s asistentes, a idea da posibilidade de crear unha colección orientada a plasmar a realidade de cada sector profesional que integra o audiovisual, con enquisas e artigos que denoten en conxunto, a realidade do sector. A recuperación de autores clásicos galegos que escribiron sobre cine, e que na práctica están esquecidos, foi outra das propostas aceptadas pola Asemblea: recuperar a nosa historia, é recuperar e poñer en valor o patrimonio audiovisual, e polo tanto, a nosa cultura no ámbito cinematográfico. Todas estas propostas serán as que analice a Comisión que se creará ó efecto.

Foro Academia Aberta e Medalla de Ouro

A cinematografía dixital será o tema que centre este ano o tradicional Foro Academia Aberta, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro. Dende os primeiros pasos deste novo sistema, ata a postprodución que, anque sexa centrada no cinema, abordará tamén outros eidos como a tvmovie, o xénero documental e outros. O Foro celebrarase nas instalacións do CGAI, na Coruña. Ó longo desta exposición, a Asemblea aprobou programar nun acto único, unha Xornada sobre a definición do que se pode considerar Audiovisual Galego, tema este que xa foi abordado no Foro do ano pasado, pero que desta volta proponse que se centre noutro aspecto que implica tanto ó sector financeiro, empresarial, e outros axentes sociais que deberían estar implicados na produción audiovisual galega: banca, empresas privadas, medios de comunicación, etc… A Xunta Directiva elaborará unha proposta específica para celebrar este importante debate, que a fin de contas, resumiríase na necesaria implicación dos distintos axentes do tecido social coa cultura galega, neste caso, centrado no audiovisual galego.

A vinculación co audiovisual galego das persoas propostas para recibir a Medalla de Ouro que cada ano outorga a Academia no Foro Academia Aberta, anque a persoa proposta non sexa galega nin residente no país, foi outro dos acordos da Asemblea, algo que diferencia nas Bases que rexen este punto nos Estatutos, do Premio Fernando Rey que se outorga no Premios Mestre Mateo.

De cine… con rebaixas

Nani García informou tamén dos distintos acordos con distintas salas de cinema, para que tódol@s soci@s da Academia teñan un desconto significativo nas entradas de cine, así como tamén dos contactos que se están mantendo con tendas de música para obter tamén notorios descontos na adquisición de instrumentos musicais para @s profesionais da música relacionados co audiovisual e que sexan soci@s da Academia. A proposta foi moi ben recibida pol@s soci@s da A.G.A.

Actividades para o 2007

Os Premios Mestre Mateo’06, a apertura de propostas d@s académic@s para o contido que terá o próximo ano o Foro Academia Aberta, a elaboración dun Regulamento de Réxime Interior, e a colaboración con varias institucións para crear Bolsas para a Investigación, innovación, recuperación histórica e outras actividades, foron temas expostos por Pepe Coira; temas que foron igualmente ben recibidos pol@s asistentes, de quen se demandou por parte da Xunta Directiva achegas e opinións que enriquezan os contidos, actitude esta que latexou en todo momento nos membros da Xunta Directiva: a participación activa d@s académic@s na vida interna e externa da entidade.

Unha Comisión de seguemento dos Premios Mestre Mateo na que estarán representadas as profesións de tódalas candidaturas, tódolos premios das propias Bases, foi outra das informacións da Xunta Directiva. A apertura do prazo para a recepción de candidaturas ábrese o vindeiro 1 de decembro.

Pola estabilidade do audiovisual galego

A Asemblea, a proposta de vari@s profesionais da longametraxe “Os mortos van ás présas” que recentemente foi suspendida en plena rodaxe por falla de financiamento, solidarizouse cos traballadores afectados pola paralización da mesma na medida en que isto afecta á necesaria estabilidade e crecemento da industria audiovisual galega, industria cultural ó fin. Quedou de manifesto, e así se pronunciou a Xunta Directiva –pronunciamento compartido por boa parte d@s académic@s presentes- en que a Academia é unha institución que agrupa a tódolos profesionais do sector, dende os artistas, creativos e técnicos en xeral, ata os produtores e empresarios do audiovisual, distando moito de ter entre as súas funcións aquelas propias dun Sindicato ou Asociación sectorial. O posicionamento da Academia é de defensa do audiovisual no seu máis amplo sentido, e mantense á marxe dos conflictos internos das empresas, toda vez que na Academia, @s soci@s o son en calidade de profesionais do sector e a título individual; nin as empresas, nin as Asociacións sectoriais reivindicativas, forman parte como tais entidades da mesma, e polo tanto, defendemos e seguiremos traballando a prol do audiovisual, e iso implica a tódolos profesionais, tanto traballadores como empresarios do sector.

A Xunta Directiva xa amosara no seu momento o agradecemento a Manolo Gómez polo papel desempeñado ata o momento da súa voluntaria dimisión, á fronte da Presidencia da Academia Galega do Audiovisual, e polo seu traballo en defensa de todo o sector audiovisual galego.

Etiquetas: