MAR LIBRE, PREMIO Á MELLOR SERIE DE TV NO EURO FILM FESTIVAL DE MARBELLA

10 / 11 / 2011

Un novo galardón para a xa tan galardoada miniserie MAR LIBRE, producida por Ficción Producciones e TVG, e que contou coa axuda da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Dirixida por Dani da Torre, Mar Libre recibirá o 26 de novembro próximo o Premio á Mellor Serie de tv, no marco do Festival Europeo de Cine que se celebra en Marbella, o Euro Film Festival, e que este ano homenaxea a traxectoria profesional do actor de orixe cubana Andy García. Ademais, entregarase o Premio á Mellor Produtora europea, a El Deseo, dos irmáns Almodóvar, e o Premio de Honra Eurofilm, ó actor de orixe galega, Sancho Gracia.

Mar Libre, foi a primeira serie galega en abordar a temática da industria que xerou o proceso de salgadura do peixe en Galicia no século XVIII, con todo o que este marcou a idiosincrasia, a economía e as relacións sociais na costa galega. O Xurado do Euro Film Festival de Marbella, non o tivo fácil á hora de outorgar o premio, pois a competencia foi importante, o que con todo, non evitou que Mar Libre sume un novo galardón á súa longa lista nos festivais de ámbito internacional.


O Euro Filme Festival
É o Festival Europeo de Cine de Marbella, a gran gala do cine e o punto de encontro para produtoras e profesionais do mundo da sétima arte cun interese común: a difusión da cultura a través de obras cinematográficas. O cine é recoñecido como un dos factores impulsores de valores no noso mundo, ten a capacidade innegable e a responsabilidade de emitir mensaxes , entreter e ensinar. Euro Film Festival aposta decididamente polo cine, apoiando este sector da comunicación a través duns premios que permitan ás mellores películas ser recoñecidas como pezas de gran valor cultural e social.

Este novo premio reafirma a posición de Mar Libre nos ámbitos europeo e internacional como un dos grandes da cinematografía, outorgando neste caso ás empresas produtoras, Ficción Produciciones e TVG, un maior peso e prestixio profesional.

A Gala de entrega de Premios do Euro Film Festival -que se celebra do 23 ó 26 de novembro- será este último día, o 26, no Gran Teatro de Marbella.

Categoría: Novas
Etiquetas: