Manuel Cristóbal, director de Perro Verde Films, estará o próximo xoves 15 de novembro no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre produción executiva de animación.

Manuel Cristóbal, produtor de Arrugas, o filme gañador de dous Goya 2012 á Mellor película de animación e ao Mellor guión adaptado, analizará o modelo de negocio en producións de animación, explicará como dimensionar e posicionar un proxecto destas características no mercado e tratará aspectos como as estratexias de marketing de financiamento e de lanzamento.

Desde o 2006 Cristóbal é director xeral, socio maioritario e produtor de Perro Verde Films. Ademais, é vicepresidente da Asociación Española de Produtores de Animación (AEPA), vicepresidente de Novas Tecnoloxías e membro da Xunta Directiva da Federación de Produtores Audiovisuais de España (FAPAE) e da European Film Academy. Desde Perro Verde Films ten producido títulos como El lince perdido, unha coprodución con Antonio Banderas gañadora tamén do Goya á Mellor película de animación en 2008, Los muertos van deprisa, La noche que dejó de llover, Gritos en el pasillo e a multipremiada Arrugas.

Arrugas é unha longametraxe de animación 2D para un público adulto baseada no aclamado cómic do mesmo título de Paco Roca, que se vendeu a Francia, Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Rusia, China e Latinoamérica. A película, que conta  ademais con múltiples premios internacionais, narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Foi catalogada por The Hollywood Reporter como “unha das películas españolas máis logradas dos últimos anos en calquera xénero”.

Cristóbal, na segunda parte da sesión, compartirá a súa experiencia como produtor e distribuidor a través do estudio de caso de Arrugas e amosará mediante a explicación do proceso de adaptación ao cine deste cómic (Premio Nacional de Cómic 2008) como se logrou gran fidelidade narrativa e estilística entre o cómic e a película.