O Centro Galego de Artes da Imaxe dedica mañá sábado día de 3 de novembro (18.00 horas) a súa sesión de OFF Galicia a Abelardo Rendo. Rendo, coñecido sobre todo polo seu documental sobre a carreira da morte (motociclismo) de Illa de Man MPH Mann (2011) e varias curtas (das que se proxectarán dúas, Sulfato, 2008, e  O marco, 2010), destaca tamén pola súa labor de animación e xestión cultural en Vedra, un dos organizadores das Xornadas audiovisuais e mesmo fundador da canle de televisión Verea TV. O propio Abelardo Rendo presenta a sesión e manterá un coloquio co público ao finalizar as proxeccións. A entrada é de balde. SULFATO    

(España, 2008)
Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Pepón Tallón, Fernando Lema e Abelardo Rendo. Fotografía: Paco Rocha. Intérpretes: Berta Barcia, Xandre Rendo. Duración: 7 minutos.  
Unha historia sobre as nais, sobre a importancia das cousas pequenas, eses anaquiños de maxia que nos regala a vida de cando en vez, que nos dan folgos e que nos debuxan un sorriso para continuar.    

O MARCO    
(España, 2010)
Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Senunpeso Producións Audiovisuais. Fotografía: Paco Rocha. Intérpretes: Antonio Vázquez, Fina Guitián. Duración: 8 minutos.  
Os marcos indican o sentido da propiedade e derivan en ocasións en fonte de disputas. Unha pequena historia localizada no mundo rural galego.  
 
MPH MANN    
(España, 2011)
Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Pepón Tallón, Fina Guitián e Abelardo Rendo. Fotografía: Gonzalo Suárez e Fernando Lema. Intérpretes: . Duración: 61 minutos.  
“Película documental sobre a carreira máis antiga, rápida, famosa e perigosa do mundo do motociclismo: o TT da Illa de Man. Seguimos ao piloto almeriense Antonio Maeso na súa participación no TT 2010. Facemos un repaso á historia desta mítica carreira. Indagamos no porqué de que cada ano os pilotos se xoguen a vida nesta proba motociclista” (Abelardo Rendo).