A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrará mañá, mércores, 3 de marzo, a III Festa dos Nominados aos Premios de Teatro María Casares 2010. Durante o desenvolvemento desta cerimonia farase público a relación dos finalistas nas distintas categorías aos Premios de Teatro María Casares 2010. Para esta edición, 34 son os espectáculos e 379 profesionais os que concorren aos premios en trece categorías: mellor espectáculo, dirección, actor e actriz protagonista, actor e actriz secundaria, escenografía, texto orixinal, adaptación ou tradución, música orixinal, iluminación, vestiario e maquillaxe.

E para esta ocasión, e coincidindo co 25 aniversario da súa constitución, a AAAG inaugura a súa nova sede, situada no Polígono de Novo Milladoiro. Un espazo anexo a este novo recinto acollerá a proclamación das candidaturas, no que constituirá unha verdadeira estrea de luxo. Durante o desenvolvemento do acto, conducido por dous membros da Xunta Directiva da AAAG, os nominados recollerán o seu Diploma de Nominación que os acredita como finalistas nas súas respectivas categorías.

Asociados, profesionais do sector e representantes das entidades colaboradoras que fan posible levar adiante este galardón estarán presentes nesta Festa dos Nominados que xa se convertiu nunha cita ineludible para o mundo do teatro en Galicia. Os Premios de Teatro María Casares, que este ano chegan á súa decimo cuarta edición, entregaranse o vindeiro 24 de marzo nunha gala que acollerá o Teatro Rosalía Castro da Coruña.