MAÑÁ, LAS AVENTURAS DE CAPELITO NA SECCIÓN CGAI JÚNIOR

10 / 02 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe segue coa súa programación dedicada aos máis cativos, a sección CGAI Junior. Mañá sábado, 11 de febreiro (18.00 horas), proxéctase o conxunto de curtametraxes de animación de produción española Las aventuras de Capelito (2002-2006), traballo do estudio Rodolfo Pastor. A escolma de pezas curtas non posúe diálogos e recoméndase para nenos e nenas partir dos tres anos. A entrada é gratuíta.

LAS AVENTURAS DE CAPELITO    
(España, 2002-2006)
Dirección, guión e produción: estudio de Rodolfo Pastor. Duración: 50 minutos.  
Escolma de varias curtametraxes protagonizadas por Capelito, un funguiño do bosque, enxeñoso e algo aparvado, que resolve as situacións máis desmesuradas grazas á súa extraordinaria habilidade de converter o seu sombreiro de fungo en calquera outro tipo de chapeu con só apertar o seu nariz máxico. Un traballo pouco corrente, que combina todas as posibilidades de transformación da animación con plastilina cuns personaxes adorables e con paisaxes doadas de identificar. Concibida como serie, gañou catorce premios internacionais, inclusive o premio do Festival de Cinema de Annecy e o das Nacións Unidas. Recentemente estreouse na carteleira en Francia, tamén con éxito notable. Sen diálogos. A partir dos tres anos.  

Categoría: Novas
Etiquetas: