MÁIS DUNHA DUCIA DE RESPONSABLES DE CANLES DE TV, AXENTES DISTRIBUIDORES E PRODUTORES EXECUTIVOS CONFIRMAN A SÚA ASISTENCIA Ó PITCHING “I+P IDEAS PARA PRODUCIR”

24 / 10 / 2012

Máis dunha ducia de responsables de canles de televisións nacionais, canles autonómicas, axentes de distribuidoras e produtores executivos en busca de novas ideas xa confirmaron, ata este momento, a súa asistencia á 7ª edición do Pitching “I+P Ideas para producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG), que se celebrará o vindeiro 23 de novembro no edificio Ágora da Coruña. As empresas e os profesionais individuais do sector audiovisual que desexen participar nesta xornada de presentación de proxectos teñen de prazo para inscribir os seus traballos ata o día 31 de outubro.

Este encontro está destinado a reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Por outra banda, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización. O CLAG organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas bilaterais en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello da Coruña.

Ata a data, entre os directivos de canles de televisión que xa confirmaron a súa participación neste foro están Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Mediaset; Pepa Sánchez Biezma, directora Produción da Área de Miniseries de Mediaset; Esther Sánchez, directora de Novos Proxectos de Mediaset; María Contreras, do departamento de Novos Proxectos de A3Films; ou Fernando Gómez, director adxunto de Contidos de Telemadrid. Ademais, participarán os produtores Ramón Campos e Teresa Fernández Valdés, de Bambú, e Rogelio Delgado, de Teysomedia Ficción.Tamén asisten ó Pitching responsables de distribuidoras e comercializadoras de cine e televisión coma DeAPlaneta, Motion Pictures, Expressive ou Neptuno Films, e de empresas de servizos á industria audiovisual como Finding4you.

Esta nova edición do pitching “I+P Ideas para producir” será inaugurada polo presidente do CLAG, Andrés Barbé, e polo director de Galicia@World do IGAPE, Alfredo Castro. A continuación, e xusto antes da sesión de presentación dos proxectos, celebrarase unha mesa redonda que leva por título “Beneficios das rodaxes cinematográficas nas cidades” na que participarán Carlos Rosado, presidente da Spain Film Commision, e Piluca Querol, directora da Andalucía Film Commision. Pola tarde, terán lugar os encontros bilaterais entre os responsables dos proxectos presentados e os potenciais compradores.

Na xornada anterior ao pitching, o día 22 de novembro, os responsables de canles de televisións, axentes de distribuidoras e produtores executivos participarán no tour “A Coruña Cinematográfica”, actividade que busca salientar os beneficios que reportan as rodaxes nas cidades e as posibles estratexias de promoción e explotación existentes, como pode ser o turismo cinematográfico.

O prazo de inscrición de proxectos no “I+P Ideas para producir” está aberto ata o vindeiro 31 de outubro. Os interesados en participar no pitching atoparán toda a información sobre esta xornada na páxina web do Clúster (www.clag.es), xunto coa convocatoria máis o formulario de inscrición, que deberán remitir cuberto ao enderezo electrónico proxectos@clag.es.

I+P, un formato consolidado

O CLAG organiza o I+P desde o ano 2006. Desde os seus comezos, este pitching contou cun auditorio de importantes canles de televisión, distribuidoras e produtoras de ámbito nacional. Algo que se repetiu edición tras edición, facendo que este evento se consolidase e adquira unha grande repercusión nacional.

Neste pitching materializáronse acordos de distribución de producións como “La tropa de trapo en el país donde siempre brilla el sol”, “El sexo de los ángeles” ou “Personal Movie”, entre outros moitos. Durante estes seis anos, presentáronse 175 proxectos, moitos dos cales encontraron viabilidade económica, o que avala a oportunidade de negocio que plantexa este formato.

Categoría: Novas
Etiquetas: