Os fundadores de Bambú Producciones, Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés, dous profesionais recoñecidos no panorama nacional audiovisual, serán os titores encargados das sesións sobre o proceso creativo do guión para ficción e a negociación e o financiamento en televisión, que se impartirán no Máster en Producción e Xestión Audiovisual os días 11 e 12 de febreiro.

 

A primeira sesión –xoves 11 de febreiro- correrá a cargo de Ramón Campos, socio da produtora Bambú Producciones, e produtor executivo de Guante Blanco e Desaparecida, series de grande éxito emitidas en TVE. Campos abordará o proceso creativo dunha serie de ficción desde o guión, pasando polo casting, os condicionantes da produción e ata as negociacións coa cadea de televisión.

No ámbito autonómico, Campos creou series que triunfaron na Televisión de Galicia, como A vida por diante ou Padre Casares e foi autor de dúas películas rodadas para televisión que se emitiron en Telecinco: Diario de un skin e Secuestrado en Georgia.No 2004 incorporouse a Voz Audiovisual, como Director do departamento de desenvolvemento e produtor executivo. No 2007 traballou para o Grupo Ganga como produtor executivo da serie de ficción Desaparecida, da que tamén foi creador e guionista.

No 2008 iniciou a súa carreira como empresario e fundou xunto a Teresa Fernández-Valdés Bambú Producciones. Guante Blanco para a TVE é a súa primeira aposta televisiva desde a súa empresa. Neste proxecto Ramón Campos asume a produción executiva e traballa co equipo de guión sobre unha idea orixinal propia.

O venres, Teresa falará sobre negociación e financiamento en televisión. Exporá casos prácticos desde a posta en marcha dunha empresa ata cómo presupostar un proxecto documental ou un proxecto para televisión. A produtora de Bambú abordará os compoñentes dun equipo de produción e o plan, orde e calendario de rodaxe, así como a xustificación de gastos.Teresa, tras facer o Máster en Produción e Xestión Audiovisual, comezou a súa traxectoria profesional na produtora Voz Audiovisual e desde o departamento de desenvolvemento participou en diferentes proxectos de ficción para TVG como: As leis da Celavella, A miña sogra e máis eu e A vida por diante.

Máis tarde traballou como asesora da empresa Impulso TV, ao mesmo tempo que se dedicou ao desenvolvemento e venta de novos proxectos de ficción e á coordinación de eventos de marketing e comunicación para Continental producciones, Voz audiovisual e Tic Tac producciones. Ademais, ocupou o posto de produtora executiva adxunta para Desaparecida no Grupo Ganga. No 2008 decidiu apostar como directora de produción de Guante Blanco na produtora da que é socia.

Bambú producciones ten neste momento varios proxectos en fase de desenvolvemento, tanto para televisión como para cine. Adquiriu recentemente os dereitos para adaptar o libro Firmin ao cine, a súa rodaxe está previsto para o 2011; o documental Fraga y Fidel, que trata da visita de Fidel Castro a Galicia, comezará a gravarse este verán; e a serie Gran Reserva, a nova aposta de TVE, estrearase esta primavera.