O LAV013 ABRE A INSCRICIÓN EN DEZ CURSOS DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL PARA AFECCIONADOS E PROFESIONAIS

13 / 12 / 2012

O LAV013, Laboratorio Audiovisual de Vedra, volve en febreiro cun formato renovado que mantén o obxectivo de ofrecer de novo ferramentas de formación en audiovisual dirixidas a afeccionados e profesionais. Na fin de semana do 16 e 17 de febreiro desenvolveranse en Vedra os dez obradoiros destas VI Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual. A fin de semana seguinte celebrarase por primeira vez o RevoLAV: unha xornada dedicada ao intercambio de materiais e coñecementos prácticos para o cambio social, con mercado de troco, charlas informativas, proxeccións, actuacións etc.

A Asociación Senunpeso abriu xa o prazo para inscribirse nas 150 prazas  dispoñibles en total nos dez obradoiros desta sexta edición. No programa de obradoiros segue habendo oco para cursos de iniciación e outros máis técnicos sobre aspectos específicos. Este ano dedícaselle máis atención aos formatos online e apóstase pola formación dirixida á autosuficiencia e ao uso social e reivindicativo dos medios audiovisuais. Así, o LAV013 inclúe os seguintes obradoiros: vídeo de combate, loita escénica, o intérprete ante a cámara, documental web, podcast e radio en Internet, dirección artística low cost, marketing de guerrilla, videoclips, son en producións audiovisuais e obradoiro para alumnado da ESO.

Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 16 e o domingo 17 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun custe de 50 € para cada alumno ou alumna. A matrícula formalízase on line antes do 1 de febreiro a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org

Na súa sexta edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, ofrecendo un programa moi completo que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais. En Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Iniciación a formatos

Se outros anos as curtas, a animación ou o documental foron protagonistas de obradoiros, este ano dedicamos cursos a outros catro formatos: o videoclip, o documental web, o podcast e radio online e o vídeo de combate.

O obradoiro de vídeo de combate pretende sentar as bases de como empregar o audiovisual para lanzar unha mensaxe clara, efectiva e con poucos recursos para informar, divulgar e denunciar apoiándose nas novas tecnoloxías. Está dirixido a asociacións, colectivos e persoas que queiran elaborar vídeos atractivos e dinámicos. Ensinarase desde como planificar o traballo, a como gravar para comunicar, editar e logo comprimir para Internet. Estará impartido polo realizador Roi Guitián e a xornalista María Lobo, con experiencia en vídeo participativo e con ONGs.

No obradoiro de videoclips abordarase a historia do formato e a súa metodoloxía de traballo. Traballarase cun caso real: desde a idea, a partir da música, ao desenvolvemento de toda a preprodución, co obxectivo de que ao remate do taller o alumnado conte coas ferramentas para a produción dos seus propios vídeos musicais. A cargo do curso estarán Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite), que realizaron clips para artistas como Fangoria, La Buena Vida, Astrud e para as principais discográficas independentes españolas, ademais de dar clases neste ámbito en varios cursos universitarios.

Con María Yáñez, xornalista, produtora e investigadora, especialista en contidos web e narrativas dixitais, introducirémonos nun novo formato: o documental web. Os participantes no obradoiro aprenderán a identificar e incorporar nos documentais para internet mecanismos da linguaxe da web: hipertextual, non lineal, espacial, inmersiva, interactiva e participativa. Dun xeito práctico achegaranse ao proceso creativo necesario para un webdocumental: da idea inicial ao prototipado, do prototipo á identificación de recursos para a produción e o desenvolvemento e edición da web. O taller está destinado a todo tipo de creadores audiovisuais, dende realizadores, guionistas ou xornalistas a todas aquelas persoas interesadas en contar historias de maneira diferente.

E con Uxío Broullón, deseñador e responsable do podcast “Commons Baby!”achegarémonos ao podcast e radio online. O obxectivo deste obradoiro é aprender a facer a túa propia “radio” ou “espazo radiofónico” por internet. Contará cunha parte teórica onde se explicará como funcionan os dous xeitos de “emitir” na rede: en streaming e en podcasting; e unha terceira práctica no que se traballará todo o proceso de creación dun podcast ou falangullo, desde a concepción do mesmo até a publicación e difusión final.

Dominio de ferramentas

A interpretación segue a ter un oco importante no programa do LAV, con dous obradoiros: loita escénica e interpretación diante da cámara. Ademais, programamos cursos de son para producións audiovisuais e ferramentas na busca da autosuficiencia: márketing de guerrilla e dirección artística low cost.

O obradoiro de interpretación diante da cámara estará conducido polo actor Francisco Olmo. Estar ante a cámara é, ás veces, o maior hándicap para a actuación. Neste taller ensaiarase como convertela nunha aliada mediante técnicas de relaxación, contención e distancia, e a través de pequenos monólogos, accións e escenas simples.

Unha das propostas máis novidosas deste ano é o taller de loita escénica, que tratará de achegar os recursos básicos para as escenas de pelexa e violencia en teatro e televisión. O actor Pablo Sánchez, especialista en teatro físico e coreógrafo de loita escénica en filmes como O agasallo de Silvia, Sara ou Diario de un skin, ensinará acrobacias sinxelas, caídas, expresións e reaccións, tipos de golpes, loita con bastón e creación de secuencias.

Daniel López de Mandeo Records encargarse do taller de iniciación ao son en producións audiovisuais. Neste curso identificaranse todos os procesos de son dentro dunha produción audiovisual. Dende o deseño sonoro na preprodución, ata a súa emisión en cine ou televisión, pasando pola rodaxe e pola sala de posprodución, co fin único que os alumnos e alumnas sexan quen de abordar a súas propias producións audiovisuais, sendo coñecedores e autosuficientes dentro do apartado de son. No obradoiro, teórico e práctico,abordarase a análise e deseño sonoro, a captación de audio e a postprodución en estudio.

Se tes unha idea ou proxecto, pero non dispós de fondos para contratar servizos profesionais de marketing e comunicación para dalo a coñecer do xeito que se merece, pode serche moi útil o curso de Marketing de guerrilla pra proxectos audiovisuais que ofrecerá Iñaki Quenerapú. Nel achegará técnicas esenciais de mínimo investimento para escoller o mellor nome para o teu proxecto; dotalo dunha identidade propia e atractiva; proxectar de ti, do teu equipo e da túa compañía unha imaxe gañadora; ter presenza favorecedora en Internet; e promocionar e popularizar as túas ideas e proxectos aproveitando a viralidade das redes sociais dixitais. En definitiva, crear, manter e controlarunha imaxe de marca eficaz e positiva.

Nas próximas días concretaremos o programa e quen impartirá os obradoiros de dirección artística low cost, para o que aínda non está aberta a inscrición.

Taller dirixido ao alumnado de ESO

Un ano máis, o LAV ofrece un obradoiro de balde para alumnado da ESO interesado no audiovisual. O obxectivo é proporcionarlle unha visión de primeira man participando na elaboración dunha curtametraxe. O curso terá dúas fases: unha de preprodución e outra de rodaxe e edición. Na primeira procurarase que todos os alumnos e alumnas teñan unha visión o máis ampla posible das distintas facetas, tanto artísticas coma técnicas, que interveñen na realización dunha curta: son, iluminación, dirección, produción, fotografía, planificación da rodaxe, etc. Deseguido levarase adiante a rodaxe e edición da peza. O profesor será Luqui Matthews, que dirixe dende 2003 Espazo Aberto Galiza Filmes.

Máis información en: www.senunpeso.org

Categoría: Novas
Etiquetas: