LARPEIROS XUNTA HOXE AS FABAS DE LOURENZÁ CON INGREDIENTES SORPRESA

2 / 01 / 2009

O programa Larpeiros, conducido polo xornalista Tomás Alonso, asoma esta noite ás 22 horas ás pantallas da TVG cunha nova entrega dedicada á cociña das fabas e ao traballo das fabeiras que cultivan este afamado produto no val de Lourenzá. Máis alá das tradicionais fabadas e outras potaxes semellantes, Larpeiros mostra que caben ainda moitas sorpresas na cociña das fabas.
Benigno Campos, cociñeiro do programa e antigo traballador do sector naval vigués, prepará para a ocasión unhas fabas con polbo. A idea, que resultou polémica entre os protagonistas do programa, será tamén sorprendente para os espectadores.

Para obter as fabas , veremos a Tomás Alonso acompañar a algunhas das cultivadoras e visitar algúns dos lugares nos que se preparan e comercializan. Teremos ocasión de ver un par de pratos insólitos producidos a partir das fabas: a empanada e a tarta de fabas.

Lola, Cruz, Mariam, Benigno e Tomás -o núcleo principal deste grupo de amigos que comparte mantel e humor nas noites do mércores na TVG- compartirán o prato no habitual ambiente de humor de. Larpeiros

Dende a súa presentación no pasado verán, o programa Larpeiros logrou un importante éxito de audiencia.

Compra, cociñar, compartir

Para o seu produtor executivo, Luis Collazo “o programa conseguiu reinterpretar as clásicas fórmulas dos espazos televisivos adicados a gastronomía. Coa escusa dunha reunión entre amigos, os Larpeiros deciden en cada capítulo que prato queren cociñar, e repártense as tarefas previas a compartir o prato escollido”. En cada capítulo o grupo de comensais demostran que están dispostos a pasar un tempo feliz comprando, falando dos alimentos de calidade, cociñando e compartindo mesa e mantel, e de paso, aprender algo máis sobre os produtos que van preparar.

O condutor do programa, Tomás Alonso anunciou que “con este novo capítulo dedicado as fabas e ao polbo, que é o primeiro de 2009, os Larpeiros seguiremos buscando os mellores produtos de toda Galicia e mesmo de Portugal. “

Categoría: Novas
Etiquetas: