José María Irisarri, expresidente de Vértice 360, estará o próximo mércores 11 de abril no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre os sistemas de produción e distribución como elementos claves na nova oferta de contidos televisivos.

O socio fundador e conselleiro delegado de Globo Media e Grupo Árbol de 1993 ao 2004 fará unha análise do panorama económico no que está somerxido o sector da produción. Ademais, abordará aspectos como a busca de novos mecanismos de financiamento para producir proxectos na actualidade, o asentamento do espectador multitarea e os seus novos hábitos de consumo e a segmentación das audiencias como consecuencia da chegada da multiplicidade de novas canles ao mercado audiovisual.

Irisarri traballou entre 1981 e 1984 no departamento de Análises de Contido e Investigación de Audiencias de RTVE. No 1987 incorporouse ao departamento de Marketing de DIA % e, ao ano seguinte, foi nomeado adxunto ao director xeral de Sanitas. Irisarri foi conselleiro de Parquesol e membro da súa comisión de nomeamentos e retribucións e socio fundador e presidente da distribuidora e produtora de cine e televisión Notro Films. Ata hai poucos meses ocupaba o cargo de presidente executivo de Vértice 360, filial audiovisual do Grupo Avanzit, que integra Videoreport, Notro Films, Manga Films, Telespan e Grupo Telson.

Irisarri falará tamén durante a súa sesión dos efectos que producen os cambios tecnolóxicos no sector e dalgúns dos novos formatos que se están facendo un oco no mercado televisivo.

Pola súa parte, o venres 13, Pedro Revaldería abordará o proceso de produción en televisión e as técnicas de xestión e produción de ideas, así como o ciclo de vida dun formato televisivo e os factores decisivos do éxito do mesmo. Ademais, fará un balance do panorama actual da industria audiovisual.

Revaldería ocupou varios postos de responsabilidade en produtoras e cadeas públicas e privadas. Foi durante dous anos director xeral de Plural Entertainment. Anteriormente desempeñou diferentes cargos directivos en diversas cadeas de televisión nacionais: traballou como director de produción e contidos en Telecinco, director de programas en Antena 3 e Canal Plus e como director de produción e contidos de CITSA (Compañía Independente de Televisión de Sogecable).

Na súa etapa como responsable de produción propia de programas de Telecinco viron a luz espazos como Aquí hay tomate e TNT e deuse impulso a outros como A tu lado. Na actualidade é director xeral de Producciones Mandarina, coñecida como unha das principais provedoras de contidos da cadea de Mediaset, artífice de programas de entretemento como Salsa Rosa, Enemigos íntimos, ou El buscador e actualmente en emisión ¡Qué tiempo tan feliz!, Materia reservada, ou Las mañanas de Cuatro, e de reportaxes de actualidade e documentais de televisión como Miguel Ángel Blanco: el día que me mataron e La historia de la más grande jamás contada.

O venres, no MPXA, Revaldería fará unha análise sobre os factores que inflúen no papel actual do produtor executivo en televisión e porá casos prácticos dos modelos de traballo seguidos polas diferentes cadeas nacionais.