JORGE COIRA DIRIXIRÁ O FILME LIMPEZA DE SANGUE

30 / 11 / 2011

Esta será a segunda vez que Jorge Coira dirixa unha película producida por Filmanova, logo da sua ópera prima “O ano da Carracha” (2004), coa que acadou un importante éxito de crítica e público. Coira comezou sendo coñecido por cinco curtametraxes que dirixiu durante a década dos noventa. Tivo unha breve pero intensa incursión nos docudramas, achegándose ao mundo das orquestras (“Chunda, chunda”), a Costa da Morte (“Vida nas mareas”) e á policía local (“092”). Fixo videoclips e foi director creativo de promocións da TVG (1996-1998). Entre a sua filmografia destacan: 18 comidas (2010), Que culpa ten o tomate…(2009), Padre Casares (2008), Mundo verbena (2006), As leis de Celavella (2005), Entre bateas (2001), ou Terra de Miranda (2001). 

Limpeza de Sangue, será un filme con guión adaptado polo propio Jorge Coira e Jacobo Paz, da obra homónima escrita por Rubén Ruibal, autor teatral galardoado co Premio Nacional de Literatura Dramática 2007, e co Premio Cunqueiro 2005. Ruibal recoñécese como un discípulo de Roberto Vidal Bolaño, e coincide que Filmanova levou ao cine este ano 2011, en coprodución con ZircoZine e TVG, unha adaptación da obra de Vidal Bolaño: “Doentes”, protagonizada por Antonio Durán “Morris” e X.M. Olveira “Pico”.

Jacobo Paz, tamén dramaturgo e coguionista de coñecidas teleseries galegas, como As leis de Celavella (2003) ou Pratos combinados (1995), xa traballou xunto a Rubén Ruibal con anterioridade, nun innovador proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego, que deu como resultado a obra teatral Estigma (2008).

Manuel Rodríguez Alonso , comentaba o seguinte sobre a Limpeza de Sangue: “Estamos ante un drama urbano que se desenvolve nunha cidade galega de hoxe e tamén perante unha historia de perdedores. Unha situación límite (as sesión de diálise e a espera dun transplante de ril) fai que coincidan Pantaleón –un aparente triunfador e ata millonario grazas á súa participación en corrupcións “legais” – e Fernando –un rapaz perdedor e enganchado á heroína-. As confidencias que os dous se fan durante a diálise preséntannos os mundos antitéticos do poderoso (pero corrupto) Pantaleón e o marxinado de Fernando. A obra, xa que logo, é un drama urbano que nos pon diante dos problemas que a nosa sociedade ten sen resolver.

“Limpeza de sangue” pódese resumir nunha historia de humor doente e personaxes buscavidas. A longametraxe conta cunha subvención a desenvolvemento de Agadic na convocatoria deste ano.

Categoría: Novas
Etiquetas: