JAVIER PÉREZ DE SILVA, CEO DA PRODUTORA LA COMPETENCIA, TRATARÁ NO MPXA A PRODUCIÓN DE FORMATOS DE ENTRETEMENTO

1 / 12 / 2011

Javier Pérez de Silva, CEO de La Competencia, estará o próximo mércores 7 de decembro no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre a produción audiovisual de entretemento.

Pérez de Silva titulou esta xornada “Como facer a TV menos aburrida do mundo”, na que falará dos tipos de formatos que conforman a grella televisiva na actualidade e de como producilos e vendelos. O produtor de televisión e director de empresas audiovisuais tratará de dar resposta durante  a súa intervención á pregunta creativa desta profesión: “¿Que producir?”.

Pérez de Silva traballou como director de contidos en El Mundo TV desde 2000 ata 2004, ano no que foi nomeado director xeral de Extra TV-Producciones 52. Tras pasar catro anos nesta empresa, en 2008 creou Pulso TV, desde onde lanzou programas como After hours, El cirujano, Doctores, I love Escassi, Siete días, siete noches e Equipo de investigación. En xullo de 2011 fundou xunto a Joaquín Zamora e Íñigo Pérez Tabernero La Competencia, unha produtora de entretemento que ten como socio a Fremantle Media, a maior distribuidora internacional de formatos televisivos. Pérez de Silva, galardoado no 2006 pola Academia de Televisión como unha das 50 persoas con maior coñecemento deste medio en España, é autor de varios libros sobre o sector: La televisión ha muerto, La televisión contada con sencillez e El periodismo en la TV digital.

Durante a sesión do mércores, Pérez de Silva analizará tamén cos alumnos do MPXA os formatos de éxito emitidos polas distintas cadeas nacionais na actualidade.

Categoría: Novas
Etiquetas: