JAIRO IGLESIAS ESTREA TRES NOVAS CURTAS NA ESCOLA DE IMAXE E SON DA CORUÑA

8 / 02 / 2008

O realizador Jairo Iglesias, gañador do Premio Mestre Mateo á mellor curtametraxe 2006, estrea este xoves día sete de febreiro, ás 20.00, na Escola de Imaxe e Son da Coruña, tres novas curtas. Trátase de Rosa dos Ventos, 1936, Ribadeo e Cores. É a primeira parada dun calendario de promoción e distribución dos seus traballos que inclúe tamén proxeccións na FNAC da cidade herculina, o próximo luns día 11 ás 20.00 horas, e no Teatro Principal de Santiago de Compostela o vindeiro 20 de febreiro ás 20.00 horas.
Con estas tres curtametraxes Jairo Iglesias, un dos realizadores mozos con máis futuro do país, regresa á actualidade audiovisual logo de triunfar, tanto entre o público como a crítica, coa súa obra anterior, Cicatrices, un relato coa problemática da violencia de xénero de fondo, e tamén presenta as súas candidaturas a un novo premio Mestre Mateo na categoría de mellor curta, sección á que presenta os tres traballos.

Unha paréntese da que o director compostelán regresa con novos folgos, “cunha evolución que eu mesmo vexo de curta a curta. Trato de aprender dos erros cometidos nas obras anteriores e procuro, sobre todo, conectar co público, que é o máis importante”. “Durante este tempo adiqueime ao papel, á escritura de guións e á preparación de personaxes” – recoñeceu Iglesias.

Rosa dos Ventos é, en palabras do propio Jairo Iglesias, unha “homenaxe a Galicia, ao seu mar e a Rosalía de Castro”. Iglesias confesa que “precisaba facer unha curta que falase galego e que estivese moi relacionada con nós. Foi así como, partindo do poema Viúvas de vivos e viúvas de mortos de Rosalía de Castro naceu Rosa dos Ventos ”. Na curta a protagonista é Rosa (Belén Constenla), unha muller que vive soa porque falta o seu home, mariñeiro. A chegada ao pobo de Sara, unha muller nova e que fuxira do mundo do mar, vai obrigar a Rosa a atoparse cara a cara co pasado.

1936, Ribadeo e Cores son dúas curtas ambientadas na Guerra Civil española que segundo Jairo Iglesias “o máis importante non é o conflito, o máis importante nas miñas curtas son os personaxes. Precisaba unha época histórica para situar a acción pero onde está a forza do traballo é nos personaxes no seu xeito de pensar, de ver a vida”. Ambas e dúas teñen en común o ser dúas obras onde priman “a fantasía, un universo máxico e sobre todo a inocencia, esa inocencia que preside as nosas vidas e que moitas veces nos impide saber que é o que estamos facendo”. Xosé Barato e Xoaquín Domínguez protagonizan 1936, Ribadeo – gravada no marco do III Festival Creativo e de Curtas On & Off que tivo lugar en Ribadeo no verán pasado – e Alberto Rolán e Vicente de Souza son os actores de Cores.

Jairo Iglesias móstrase “moi ilusionado” con estas tres curtas e agarda que “sorprendan gratamente ao público” nunha etapa de promoción e distribución na que di “desfrutar moito”.

As tres curtas están producidas pola produtora Mr.Misto Films un apoio que o propio director califica como “moi importante xa que significa o respaldo dunha produtora xa consagrada ao meu traballo”.

Jairo Iglesias puxo en marcha tamén unha web na que se poden ver as tres curtas en diferentes formatos así como descargar diferente información referente ás mesmas. A dirección é www.curtametraxes.com

Etiquetas: