INÍCIASE A SEGUNDA EDICIÓN DA ESCOLA DE FICCIÓN DE VOZ AUDIOVISUAL

11 / 09 / 2012

Onte luns, 10 de setembro, Voz Audiovisual dá comezo á segunda edición dos cursos da súa Escola de Ficción, que, como novidade, amplía a súa oferta académica. Así, ás especialidades xa existentes de interpretación e guión de ficción para televisión súmase unha nova de cámara e realización.

Os perfís dos alumnos seleccionados son moi diversos: desde profesionais en activo en diversos campos a estudantes; e desde mozos a partir de 16 anos a persoas maiores. Entre os alumnos de guión, algúns escriben como afeccionados desde nenos, mentres que outros obtiveron galardóns en certames literarios, pero todos eles buscan aprender as técnicas e estruturas propias da ficción audiovisual. Os alumnos de interpretación son tamén dispares en idade e bagaxe, e van desde os que se enfrontan por primeira vez á cámara aos que xa fixeron os seus pinitos como figurantes, pasando polos que veñen do mundo do teatro. Todos eles pretenden converterse nos protagonistas do próximo éxito televisivo ou participar nel, como xa lles ocorreu a varios dos integrantes da primeira promoción da Escola de Ficción, que actualmente traballan na serie Matalobos. Pola súa banda, a posta en marcha do primeiro curso de cámara e realización ha ter unha gran acolleita. Tan só un par de semanas despois de que se anunciase esta nova especialidade, a maior parte das prazas estaban cubertas tras un proceso de selección. Entre os inscritos hai fotógrafos, xornalistas e licenciados en Comunicación Audiovisual que aprenderán na práctica os segredos da realización dunha serie de televisión.

Voz Audiovisual pretende descubrir nestes cursos aos futuros profesionais do sector audiovisual, xa que a intención da productora galega é que a súa escola sirva de canteira de novos valores profesionais. Durante cinco meses, de 17:00 a 20:30 horas, de luns a xoves, a segunda promoción de alumnos da Escola de Ficción aproveitará as leccións de recoñecidos profesionais do sector en Galicia. Os elixidos recibirán as clases nas propias instalacións da productora na Coruña, e nos mesmos platós onde, na actualidade, grávanse as dúas series máis exitosas do audiovisual galego, Pai Casares e Matalobos, ademais doutros espazos para televisión. Serán os propios protagonistas destas series quen impartirán os cursos de interpretación, da mesma xeito que entre o profesorado dos cursos de guión e de cámara e realización estarán os actuais productores, guionistas e directores das creacións de Voz Audiovisual.

Categoría: Novas
Etiquetas: