INÍCIASE O V FESTIVAL DAS ARTES ESCÉNICAS DE RIÓS, QUE INCLUIRÁ ALGUNHAS PROXECCIÓNS

17 / 08 / 2012

Os días 17 e 18 de agosto celebrarase na pequena vila ourensá de Riós o V Festival das Artes Escénicas “Abelardo Gabriel”. O evento inclúe un variado surtido de actividades, entre elas proxeccións. Ademais, premiará a Luis Iglesia.

O Festival tivo o seu prolegómeno na madrugada do martes 14 ao mércores 15 de agosto, cando o programa da Radio Galega Pensando en ti, con Alberto Freire á cabeza, anunciou as novidades do festival. Xa durante o evento, a xornada de hoxe venres, día 17, xirará en torno ao audiovisual, xa que comezará ás 20:30 horas co pase, na Casa de Cultura de Riós, das curtametraxes gañadoras do pasado Festival de Cans, froito da confraternización entre ambos eventos, así como de Cores, de Jairo Iglesias. Ás 22:30 horas poderase ver, xa na campa do festival, a película Vilamor, de Ignacio Vilar, protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, que estarán presentes no acto. Máis tarde, ás 00:45 horas, terá lugar un monólogo da actriz Isabel Risco. Como colofón, xa de madrugada, haberá un concerto de Tonhito de Poi e amigos, con Sabela Arán, Xoel Yáñez, Adriana Ramos, Santi Romay, Adrián Ríos e outras sorpresas. Como colofón, terá lugar o espectáculo de DJs e música alternativa Platú Rural Dance.

O sábado 18, ás 11:30 horas, haberá actividades para os máis pequenos na campa do festival e, ás 13:00 horas, unha sesión vermut con música de antaño. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar un partido de fútbol entre o Riós CF (un equipo de terceira rexional galega) e Tourilandia, unha selección de famosos con Marcos Pereiro, Santi Romay, X.A. Touriñán, Terio Carrera, Rubén Riós, Mago Teto, Luis Tosar e Luis Iglesia, entre outros. Ás 22:30 horas será a gala do festival, na que participarán Mucha e Nucha, Emilio Rúa, Mago Teto, Luis Tosar e Luis Iglesia, actor polifacético, coñecido sobre todo por ser o protagonista de Matalobos, a quen se fará entrega do premio A Castaña de Cristal, deseñado polo artista Julio Pousada. Tamén terán lugar os concertos de 1992, Di Elas (el grupo de Tosar), Medomedá, Rever, Cristina Pato e Xanononoto, ao que seguirá a despedida cun espectáculo de DJs e música alternativa. O prezo das entradas ao Festival, que organiza a Asociación Cultural da Castaña, e que dirixe ao actor Rubén Riós, é de 10 euros en venta anticipada.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: