Hoxe inaugúrase no faro Cabo de Fisterra o Proxecto Costa da Morte, unha exposición producida polo Foro Costa da Morte en colaboración co axuntamento de Fisterra e o Museo do Mar, na que tres artistas invitados exporán as súas visións persoais de esta rexión costeira de Galicia.

Luis González Palma, Graciela Sacco e Fran Herbello, guatemalteco, arxentina e galego respectivamente, son os elixidos para participar nesta mostra, na que o que se pretende e representar a comarca “nun sentido moi amplo e sen ningún tipo de esixencia narrativa ou descritiva”, converténdoa nun territorio de creación artística, segundo explica Manuel Sendón, comisario do Proxecto Costa da Morte

Ara Solis, de González Palma, evoca o mar como medio para a viaxe, o soño e a fantasía, pedindo a participación do visitante a través da escritura nas postais dunha reflexión sobre a viaxe, o mar, O camiño… ou unha lembranza. “Os textos dos visitantes serán tamén parte da obra, creando unha interrelación entre o artista e o público”, engade Manuel Sendón.

Sacco, en Calquera  saída pódese converter nun encerro, aborda, mediante a fotografía e unha instalación na que emprega o vídeo, os significados tan diferentes que pode ter o mar. Un medio de vida e un camiño para emigración, pero tamén o causante da soidade ou da morte.

Pola súa parte, Bonito 18 de xaneiro de 1960, de Fran Herbello, deixa de lado os materiais fotográficos convencionais, para que o sol produza directamente as imaxes sobre teas negras, similares ás empregadas no loito. Deste modo rende unha homenaxe aos mariñeiros afogados do barco Bonito, e ao seu avó morto nas mesmas circunstancias.

Xunto ca mostra, o Foro Costa da Morte ofreceu tamén, ata o día de onte,  un ciclo de conferencias no que o turismo, a natureza do espazo e as novas formas de vida dos habitantes de Fisterra foron os temas centrais de análise.

A exposición remata o 31 de Agosto, pero poderemos visitala de novo a partir de marzo no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.