INAUGÚRASE EN A CORUÑA A XIII EDICIÓN DO MPXA

31 / 10 / 2011

O vindeiro xoves, 3 de novembro, ás 13:30 horas, terá lugar no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre de La Voz de Galicia en Arteixo, o acto de inauguración da XIII edición do Máster en Xestión e Produción Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que organiza la Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coa colaboración da Xunta. 

Dende 1999, o MPXA forma futuros profesionais da produción executiva nas distintas áreas do sector audiovisual: cine, televisión, animación e novos media. Está dirixido a licenciados e diplomados interesados no proceso da produción audiovisual. O plan de estudos do Máster atende á necesaria diversidade de coñecementos dun produtor executivo, toda vez que as súas competencias profesionais sobrepasan os aspectos puramente técnicos ou tecnolóxicos do traballo no sector audiovisual, o que supón a toma de decisións creativas e intelectuais sobre o produto final que se vai elaborar. Por iso, o MPXA ofrece aos alumnos un gran abano de materias que inclúen guión, técnicas de venta de proxectos, sesións de produción cun enfoque administrativo (propiedade intelectual, contratos, subvencións, etc.), nocións de distribución, análise de formatos e políticas de programación e deontoloxía profesional, entre outras.

Ao longo do año imparten clases no MPXA máis de medio centenar de profesionais en activo do sector, procedentes de produtoras audiovisuais tanto autonómicas como nacionais. En novembro pasarán por las aulas del Máster Alberto Guntín, director de desenvolvemento de Voz Audiovisual; Jaime Pena, programador do CGAI; Pepe Coira, guionista e produtor executivo de series de ficción e documentais; Manolo González, pioneiro na xestión das axudas públicas ao audiovisual galego e promotor de proxectos como Flocos.TV e Cliphistoria; e Víctor López, creador de marcas de entretemento como Jelly Jamm e Pocoyó. As clases presenciais impártense de luns a venres, de 09:30 a 13:30 horas, e de 15:00 a 18:00 horas. Para complementar a formación teórica, ao finalizar as clases presenciais en xuño os alumnos realizan un mínimo de tres meses de prácticas remuneradas en produtoras autonómicas e nacionais.

Categoría: Novas
Etiquetas: