IBISATV PREESTREA UN DOCUMENTAL SOBRE A INDUSTRIA CONSERVEIRA EN BUEU

2 / 01 / 2009

Bueu acolle este venres a preestrea do documental “Traballo e vida en Bueu. A industria conserveira”, unha peza realizada por IBISAtv para TVG e rodada principalmente nesa localidade do Morrazo. O acto terá lugar ás oito da tarde, no Salón de actos do Centro Social do Mar de Bueu.
“Traballo e vida en Bueu. A industria conserveira” achéganos ó proceso de industrialización da Galicia marítima, que se produce co desenvolvemento das fábricas de salgadura e conserva nos séculos XIX e XX, e que se prolonga ata finais do século pasado. O documental aborda as compoñentes social e humana que participaron deste importante proceso histórico, que hoxe rememoran as xentes de Bueu. O papel dos fomentadores e o traballo nas fábricas son algúns dos temas que nos achegarán a esta particular visión da industria conserveira.
O documental conta ca participación de traballadores de Massó como Carmiña Lamosa, José María Estévez, Josefa González e Manuel Aldao.

Interveñen ademáis María Estévez e Julia Rodríguez, en calidade de veciñas, esta ultima descendente dos fomentadores Galup e Gaggero. E colaboran tamén os investigadores Luisa Muñoz e Xoan Carmona. O complexo traballo de investigación levado a cabo por IBISAtv vese reflictido no documental coa incorporación de fondos fotográficos da familia Docampo, Arturo Cidrás, Xosé Luis Lorenzo Colón e o Museo Massó e co asesoramento de Jaime Tojo e Anxo Cabada.

O equipo de IBISAtv estivo formado por Yolanda del Campo como realizadora e guionista, Elsa Pazos como xefa de produción, Pablo Lorenzo como axudante de produción, cámara e iluminación de TV7, montaxe de Video Zetra e posproduccion de son de Cinemar. A produción executiva correu a cargo de Valentín Carrera. “Traballo e vida en Bueu. A industria conserveira” poderá verse este ano no espazo “Galicia documental” de TVG”.

Categoría: Novas
Etiquetas: