I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores

28 / 10 / 2021

A Academia Galega do Audiovisual presentou onte no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces, o I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores, nun acto ao que asistiron Miguel Mariño, director da Academia; o concelleiro de cultura de Vila de Cruces Julio López; o director do IES Marco do Camballón José Manuel Iglesias e a actriz Camila Bossa.

O acto de presentación foi precedido por una proxección dun programa feito a partir do catálogo de Fiestra polo alumnado do IES Marco do Camballón.

O director da Academia presentou esta iniciativa, na que os centros de ensino de Galicia que formen parte da comunidade de Fiestra poderán decidir cos seus votos cal é a curtametraxe do catálogo merecedora do premio, polo seu valor á hora de facilitar o traballo e a reflexión na aula.

Camia Bossa, Miguel Mariño, Julio López e José Manuel Iglesias

O concelleiro Julio López augurou unha “longa vida” ao galardón, ao tempo que louvou a actitude e o comportamento do alumnado do IES Marco do Camballón, que formou parte do público do acto e participou activamente na proxección previa.

Pola súa banda, José Manuel Iglesias declarou que desde o IES estaban “orgullosos de participar” nesta iniciativa “que contribúe á formación de cidadáns críticos”. A intérprete Camila Bossa, que interviña como representante do sector audiovisual, salientou a importancia de “promocionar e visibilizar a nosa cultura e a nosa lingua”, ademais de afirmar que “co cine se aprende moito máis do que cremos, dun xeito diferente”.

O I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores será anunciado e entregado en Vila de Cruces no mes de xuño de 2022.

Coloquio co público asistente ao Auditorio Xosé Casal.

Con anterioridade á presentación foi proxectado un programa de curtametraxes realizado polo alumnado de 4º da ESO do IES Marco do Camballón, composto polos seguintes títulos:

C.O.D.A, dirixida por Veru Rodríguez.
Matria, dirixida por Álvaro Gago.
1977, dirixida por Peque Varela.
Conversa cunha muller morta, dirixida por Sonia Méndez.

A continuación das proxeccións, Javier Grixo, director de fotografía de C.O.D.A, e Camila Bossa, actriz protagonista de Conversa cunha muller morta, participaron nun coloquio cos mozos e mozas asistentes.

Fotografías: José Ramón Moire.

Categoría: Novas
Etiquetas: