O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza este sábado día 18 de maio (18.00 horas) unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño polo Día das Letras Galegas. A proxección dunha longametraxe que adapta unha das súas pezas teatrais máis emblemáticas, Doentes (2011), dirixida por Gustavo Balza, e o documental Recuperando a Roberto Vidal Bolaño (2013) de Gonzalo Enríquez, completan esta sesión dedicada ao dramaturgo. Gonzalo Enríquez presentará o seu traballo. A entrada é de balde.   
DOENTES    

(España, 2011)
Dirección: Gustavo Balza. Guión: Gustavo Balza e Roberto G. Méndez. Produción: Filmanova e ZircoZine Fotografía: Suso Bello. Intérpretes: Antonio Durán “Morris”, Xosé Manuel Olveira “
Pico”. Duración: 85 minutos.  
Adaptación dunha excelente peza teatral de Roberto Vidal Bolaño, unha viaxe á fin da noite que recrea excelentemente o Santiago de Compostela dos anos cincuenta, en plena ditadura franquista. A dramática historia de Valeriano e Cañete nunha adoecida carreira, entre outras cousas, por eliminar o réxime, dá lugar a un áxil relato de supervivencia, de magníficas interpretacións e inzado de connotacións históricas e políticas.     

RECUPERANDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO    
(España, 2012)
Dirección e guión: Gonzalo Enríquez. Produción: Millo Filmes. Fotografía: Santiago Teijelo. Duración: 35 minutos.  
Achegamento á vida do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. A través de moitas das persoas da súa vida ou achegados de distintas maneiras a el (Roi Vidal, Quico Cadaval, Xulio Lago, Belén Quintáns, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Paco Macías, Rodrigo Roel,…) establécese un diálogo entre os suxeitos gravados que outorga unha perspectiva múltiple sobre o autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.