HOMENAXE AO FESTIVAL DE CANS

12 / 01 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Lorga, 10 baixo, A Coruña) celebra hoxe luns 11 de xaneiro (20.30 horas) unha nova aproximación a un dos festivais máis exitosos de todos os celebrados en territorio galego, Cans. Un resumo dos premiados nesta última edición permite ver varias das curtas con máis premios do ano, así como un par de videoclips e o making-off da edición 2008. Presentan Alfonso Pato, director do certame, e os directores Dani de la Torre e Toni Veiga. A entrada é gratuíta.

O PINTOR DE CEOS
(España, 2008)
Dirección, guión e produción: Jorge Morais. Duración: 25 minutos.
Un mariñeiro perdeu a súa familia nunha noite de treboada. Desolado pola dor, reconstrúe a súa vida apoiado na pintura, co desexo de vingar a morte dos seres queridos. Ordénalles aos magos e arquitectos da época que constrúan unha casa coa cheminea máis máxica do mundo que lle permita plasmar o ceo todo. Unha noite fortuíta, o pintor, nun arrebato desesperado encontra no seu diario algo que chama a súa atención e que lle indica o camiño para conseguir o seu desexo. Animación en 3D, produto dun espectacular empeño unipersoal. Premio Mestre Mateo e premio do Xurado en Cans.
 
X NADA     
(España, 2009)
Dirección: Dani de la Torre e Toni Veiga. Guión: Toni Veiga e Manolo Dios. Produción: Ficción Producións. Intérpretes: Carlos Fernández, Miguel García. Duración: 14 minutos.
Roi e os seus colegas practican un xogo moi especial, unha forma de divertirse peculiar e bastante violenta. Este macabro xogo uniraos para sempre a Dani, que tivo a mala sorte de estar no momento e lugar equivocados. Premio do Xurado en Cans e preseleccionada para os premios Goya.   
 
THE WEREPIG     
(España, 2008)
Dirección e guión: Sam Ortí. Produción: IB Cinema. Fotografía: Justo Guisasola. Duración: 12 minutos.
Nunha viaxe pola xeografía galega, dous adolescentes americanos gozan ao seu xeito, sen respectar o que os rodea. A súa impertinencia ante ás tradicións da zona, levaraos a unha casa de embutidos rexentada por dous anciáns onde, moi ao seu pesar, acabarán formando parte activa da tradición… Primeiro premio en Animadrid 2008, preseleccionada para os Goya e premio do Público en Cans.
 
URUGUAY 2030     
(España, 2009)
Dirección e guión: Rafa de los Arcos. Produción: Escándalo Films. Intérpretes: Edgar Blanco, Henar Jiménez. Duración: 9 minutos.
Comedia con triángulo de amor preadolescente que sitúa a unha rapaza no vértice principal. Premios de interpretación e do público en Cans.

GONE TO LIVERPOOL
(España, 2009)
Dirección: Manolito Portolés. Duración: 4 minutos.
Videoclip sobre a formación Niño y Pistola, dirixido por un membro do grupo. Premio do Xurado en Cans.  
 
ES FEO
(España, 2009)
Dirección: Kike Maíllo. Duración: 3 minutos.
Videoclip sobre a formación Manos de Topo. Premio do Público.  
 
MAKING-OFF CANS 2008
(España, 2009)
Dirección: Nacho Taibo. Produción: Zoa Media. Duración: 17 minutos.
Making-off da edición anterior, a peza abriu a última edición do festival. Seguimento do día a día do certame, un reflexo da filosofía de Cans. Aparecen músicos, directores, produtores e actores coñecidos: de Tony Lomba a Nacho Vigalondo, pasando por Juanma Bajo Ulloa, Miguel Costas ou Jesús Ordovás.

Etiquetas: