Manoel de Oliveira e Marisa Paredes recibirán o día 15 de outubro na cidade da Coruña (Teatro Colón, 12.00 horas) a Medalla de Ouro das Belas Artes 2007, distinción outorgada polo consello de ministros do goberno español. Recuperamos como homenaxe a única colaboración conxunta entre ambos e un título de Oliveira aínda inédito entre nós. Ademais unímonos ás celebracións (Cannes, Venecia,…) polo centenario do cineasta portugués, que terá lugar en decembro deste ano. O CGAI engade estas sesións á completa retrospectiva realizada hai anos sobre a súa obra, as constantes estreas de traballos seus e a publicación monográfica que editara sobre el en 2004. A entrada a ambos
pases é gratuíta.

MARTES 14 DE OUTUBRO (20.30 HORAS)
O ESPELHO MÁGICO
(Portugal, 2005)

Dirección: Manoel de Oliveira. Guión: Julia Buisel e Manoel de Oliveira, sobre a novela “El alma de los ricos” de Agustina Bessa-Luís.
Produción: Filbox, ICAM, RTP (Portugal).
Fotografía: Renato Berta. Intérpretes: Ricardo Trepa, Leonor Silveira, Michel Piccoli, Marisa Paredes, Luis Miguel Cintra.
Duración: 137 minutos.

Tras saír da prisión, Luciano é levado polo seu irmán á casa de Alfreda, unha rica de idade provecta cuxo maior desexo e obsesión é ver a aparición da virxe. Todo é culpa do profesor Heschel. Filipe Quinta ten unha idea mentres que o home de Alfreda escoita música. O fino talento dun enorme Manoel de Oliveira, participante no festival de Venecia é capaz de perfilar desde entón outras oito pezas (de dimensións variables).

MÉRCORES 15 DE OUTUBRO (20.30 HORAS)
CRISTÓVÂO COLOMBO-O ENIGMA / [CRISTÓBAL COLÓN. O ENIGMA]
(Portugal-Francia, 2007)

Dirección e guion: Manoel de Oliveira, sobre o libro de Manuel e Silvia da Silva.
Produción: Filmes do Tejo, Les Filmes d´Après-midi e Manoel de Oliveira Filmes. Fotografía: Sabine Lancelin. Intérpretes: Ricardo Trepa, Manoel de Oliveira, Leonor Baldaque, Luis Miguel Cintra.
Duración: 75 minutos.

Filmada no Alentejo, a exploración de Manuel Luciano que, desde os anos 40 ata hoxe, intentou descubrir a verdadeira identidade de Cristóbal Colón. Logo de múltiples viaxes entre Portugal e os Estados Unidos e de barallar
varias hipóteses sobre o célebre navegante, Manuel Luciano vai facer unha última viaxe, cara á casa localizada en Portugal onde parece que naceu.