Giuseppe Tringali, presidente de Publiespaña, estará o vindeiro martes 13 de maio no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para impartir o foro Comunicación, tecnoloxía e globalización. Durante o encontro, Tringali explicará o modelo de comercialización publicitaria en España.

O presidente de Publiespaña, concesionaria comercial de Mediaset España, detallará a evolución da inversión publicitaria, a publicidade na televisión convencional e non convencional e a estratexia para a comercialización da publicidade integrando Televisión e Internet. Ademais, analizará a influencia do mercado publicitario no desenvolvemento económico de España.

Licenciado en Dereito, Tringali foi director xeral de Publitalia, concesionaria de publicidade do Grupo Mediaset, e conselleiro de Publieurope, filial internacional. No ano 2001 foi nomeado conselleiro delegado de Publiespaña e Publimedia Gestión e, dende maio de 2004, tamén desempeña funcións de conselleiro delegado de Telecinco. Dende o 2011, co cambio de denominación do Grupo, pasa a ser conselleiro delegado de Mediaset España. Dende principios do 2013 é presidente de Publiespaña e, dende o 2014, é tamén presidente de IE/EY Global Corporation.