Desde o ano 2018 a Academia Galega do Audiovisual ven desenvolvendo unha serie de iniciativas que comparten o obxectivo de favorecer o diálogo entre o audiovisual e a educación, para promover a posta en marcha de iniciativas transformadoras. Este compromiso coa difusión do audiovisual galego e a formación das espectadoras e espectadores do futuro terá un punto de inflexión a finais deste ano co lanzamento de Fiestra, unha plataforma online dirixida a centros educativos de primaria e secundaria e que promove a educación en valores do alumnado a través de contidos audiovisuais galegos.

Con esta ferramenta a Academia Galega do Audiovisual quere:
-Empregar obras audiovisuais para educar en valores e tratar eixos transversais do currículum educativo.
-Favorecer o traballo creativo e colaborativo.
-Formar espectadores críticos.
-Promocionar o talento audiovisual galego entre mozas e mozos.
-Proporcionar acceso legal a contidos audiovisuais para seren proxectados no entorno educativo.

Nesta fase inicial do proxecto, Fiestra proporcionará un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas para traballar a educación en valores, dando acceso a un buscador que permitirá atopar as pezas que máis se axeiten aos criterios seleccionados (idade, temática, xénero, etc) así como a fichas de cada traballo e diverso material didáctico.

Se queredes enviarnos algunha suxerencia de títulos dos que posuídes os dereitos para seren incluídos na plataforma, podedes facérnolos chegar a info@academiagalegadoaudiovisual.gal, indicando ‘Fiestra’ no asunto do correo e achegando unha ficha técnica da curta e unha ligazón de visionado. Lembrade que teñen que ser pezas axeitadas para público infantil e xuvenil. O envío de suxerencias non implica a inclusión automática destas curtas na plataforma; todas as propostas serán valoradas polo equipo de selección de contidos do proxecto. En calquera caso, a Academia responderá a todas as suxerencias recibidas e poñerase en contacto coas persoas representantes dos traballos escollidos para xestionar a cesión dos dereitos.