FICCION PRODUCCIONES ESTREA NOVAS INSTALACIÓNS

1 / 04 / 2008

Fai camiño de un lustro que naceu FICCION PRODUCCIONES. Ao longo deste tempo a nosa produtora afrontou unha ampla e variada nómina de produccións na busca de se consolidar como empresa-chave do sector.
Un novo paso nesta dirección é o cambio recén de instalacións. O ‘estirón’ que experimentou a empresa nos últimos anos fixo que as roupas lle fosen quedando pequenas, de xeito que foi preciso buscar tallas maiores. Agora FICCION PRODUCCIONES ubica a súa sé nunha nova nave do Polígono Novo Milladoiro, na rúa Palmeira 62, a escasos 100 metros do antigo domicilio.

Unha nova nave, en propiedade exclusiva da produtora, que permite optimizar a situación da equipa de 17 persoas. Ademais da urxencia de ampliar espazos de traballo, foi a vontade de ser autosuficientes na execución dos proxectos a que motivou a mudanza a mellores ‘pastos’.

A nova nave permite unha mellor estructuración do funcionamento: dúas plantas vertebran e separan os labores técnicos dos administrativos, e un pequeno plató (en proceso de equipación) permitirá a elaboración con maior independencia de productos de corte máis televisivo.

Este novo emplazamento supón non só unha reforma exterior da empresa senón unha nova organización interna do traballo, pola cal se van redefinindo os departamentos, os protocolos e a comunicación entre os mesmos.

FICCION PRODUCCIONES pecha este primeiro ciclo de crecemento e afronta un novo ciclo que a consolide como unha das produtoras de referencia do noso audioviual. Máis volume de traballo e mellores resultados son os seus obxectivos para esta nova etapa que encara con optimismo e compromiso.

No seu novo fogar, FICCION PRODUCCIONES seguirá facendo valer a súa sinerxia coa Compañía Audiovisual de Servicios KAIROS. Esta fructífera convivencia permitirá a ámbalas entidades continuar elaborando produtos destacados pola súa innovación e a súa sofisticada equipación, como as imaxes de integración, o 3D ou o I+D. Con isto, Audiovisual de Servicios KAIROS reafírmase tamén como unha puxante empresa cunha ampla oferta de servizos audiovisuais.

Categoría: Novas
Etiquetas: